Beiras participa en Noia na homenaxe a todo un referente nacionalista

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

O voceiro do BNG fará unha ofrenda froral na tumba do vate de Taramancos O líder frentista falará no Coliseo Noela xunto con Agrelo e Cáccamo

05 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A dirección nacional do BNG quere ser partícipe da homenaxe que Galicia enteira tributa a Antón Avilés de Taramancos. Por ese motivo, levan a cabo hoxe en Noia dous actos en lembranza dun literato que se distinguiu sempre polo seu convencido e comprometido galeguismo. Neste recoñecemento estará presente o voceiro do Bloque e amigo do escritor, Xosé Manuel Beiras. O programa inclúe, en primeiro lugar, unha ofrenda froral ante a sepultura de Antón Avilés, que se fará ás sete e media do serán. Os restos mortais do poeta descansan no cemiterio parroquial de Boa desde o 23 de marzo do ano 1992, un día despois da súa morte. Desde o camposanto, a comitiva trasladarase ó Coliseo Noela, que abrirá as súas portas a partires das oito e media do serán para todo aquel que queira sumarse a un acto no que se lembrará a traxectoria persoal, cultural e política do autor de libros como Última fuxida a Harar . As intervencións correrán por conta de tres persoeiros. Un deles é Xosé Agrelo, mestre, dramaturgo, investigador e biógrafo de Avilés, co que lle unía unha grande amizade. O ponente escribiu para a editorial Toxosoutos, da que é director literario, un estudio, dentro da colección Fasquía, sobre a vida e a obra do bardo ademais dun caderno didáctico, que elaborou xunto con Pilar Sampedro. O segundo en falar será o poeta e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, gran coñecedor da producción de Avilés de Taramancos. Pechará o acto o máximo expoñente dos nacionalistas galegos, Xosé Manuel Beiras Torrado. Os oradores farán alusión á etapa na que o protagonista das Letras Galegas exerceu o labor de responsable cultural do Concello de Noia, entre os anos 1987 e 1991. Da súa xestión, destacan logros como a casa da cultura, o conservatorio, unha escola obradoiro e outras moitas iniciativas encamiñadas á exaltación dos valores artísticos da vila, que son moi amplios e recoñecidos.