«Os que están bebendo na barra son fillos dos que viñan cando empecei»

Abdón Dorca RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

A impulsora dun dos bares de máis sona na comarca presume de ter un establecemento familiar, pero a rica raia que alí se prepara é coñecida ata polo turista máis despistado

15 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Josefa Santos garda o segredo que fai da raia de A de Rosa uns dos manxares máis apreciados na comarca. Só os seus fillos o coñecen. Agora está xubilada, pero non pode evitar estar todo o día botando unha man na cociña. -Pola miña sogra, que se chamaba así. Este bar xa se fundou no ano 36. Daquela era unha tabernucha onde viñan moitos mariñeiros. Vendíanse viños, fariña, aceite... O que pasa é que, alá por 1968, encargueime eu do negocio e empecei a servir comidas. -Entre elas, a raia, ¿de onde ven o éxito do establecemento con este prato? -A culpa é dos empregados da oficina de Escurís, que pasaban por aquí e sempre me pedían que lles preparase unha caldeirada de raia... Eu aprendera a receita en Casa Abuín, onde traballei entre os 12 e os 20 anos. A súa dona, Pilar Tubío, foi quen me ensinou. -Pero terá algún segredo para que teña tanta sona. -Home claro. Hai que darlle o seu punto. A cociña de leña, unha boa allada... -¿Non comezou moi nova a traballar? -Eran tempos moi duros. Agora ninguén o sabe bastante, pero os da miña idade si que coñecen como era aquela vida: a traballar seguido. Ás veces só pola comida.- ¿Como era A Pobra naqueles tempos? -Moi distinta á de agora. Daquela había catro ricos e o resto eramos pobres. Lémbrome do peirao de Barreras, que estaba en O Areal. Era todo de madeira e os homes carrexaban ó lombo caixóns con sardiñas ata a fábrica onde eu traballaba ata que casei. -Moitos traballos tivo vostede... -¡E lo! E antes estiven servindo nas casa dos de Lojo. O meu pai, que andaba na mercante, morreu cando eu tiña once ou doce anos, e tiven que espabilar. Pero cando vin co meu marido a vivir a esta casa e púxenme a traballar no negocio da miña sogra, xa non saín máis dela. -¿Cambiou moito a clientela ó longo do tempo? -Únicamente nos meses de verán: cando chegan os turistas faise isto un sitio pequeno. Pero os que están bebendo agora na barra son fillos dos que viñan cando empecei. Tamén pasan moitos camioneiros. -¿E xente famosa? -De vez en cando pasa por aquí algún político. Tamén artistas, empresarios... -¿Por exemplo? -Caramelo, o deseñador, ven tódolos veráns. Tamén comeron dúas ou tres veces xente de Mareas Vivas, como Carlos Blanco e o que fai de Petróleo (Celso Puga ). O meu xenro díxome que un que veu un día era Adolfo Marsillach. Eu non sei se será verdade, pero o que é certo e que deixou unha boa propina. -¿Prexudicoulles moito o «Prestige ?-Moitísimo. Non o sabes ti ben. A xente nos pide que lles poñamos unhas ameixas ou unhas vieiras, pero temos medo polo chapapote.