«Queremos devolverlle a Noia a dignidade e a posición que merece»

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

O artífice deste partido independente tómase como retos persoais a rexeneración da ría e das marxes costeiras

06 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunca antes militara nunha formación política nin integrara unha candidatura, pero houbo algo que incitou a Xoán Manuel Neira Pérez a fundar en setembro pasado O Partido dos Independentes de Noia (O Pino). A causa foi, según mantén, a situación na que se atopa a vila. -O estado actual de Noia é catastrófico, de abandono e miseria. Hai un desencanto xeral na poboación; a xente perdeu a fidelidade ós partidos existentes e non queren máis do mesmo. -¿Cales son os resultados que agardan obter? -Aspiramos a ser a lista máis votada ou, polo menos, a quedar entre os grupos con maior número de apoios. Penso que vai haber sorpresas e que somos nós os que as imos dar. -¿Con que formación estaría disposto a pactar ou negociar o Pino? -Non temos pensado pactar con ninguén; non podemos facer iso cos partidos que levaron á vila ó atraso actual. Para min, PP, PSOE e BNG non son alternativa de goberno, senón de desgoberno. Queremos devolverlle a Noia a dignidade e a posición que merece. -¿Que pode adiantar acerca da lista? -Está practicamente rematada, pero non imos dicir nada ata que non depositemos a relación na xunta electoral. -¿Cales son os piares do seu programa? -O punto central vai ser a recuperación da ría, algo que para min constitúe un reto persoal. É urxente deter os verquidos e rexenerar as costas. -¿Que outras accións de goberno propoñen? -Loitar por mellorar as comunicacións de Noia con Santiago, Ribeira e Boiro; potenciar a vila a nivel turístico, sobre todo o casco histórico como elemento vivo, e solucionar o problema do aparcamento. Queremos reactivar os museos e abrir salas novas adicadas á Idade Media.