Mordacidade e diversión a esgalla

Ana Gerpe / Alberto Hevia RIBEIRA

BARBANZA

Murgas e comparsas recitaron polas rúas da bisbarra estrofas nas que houbo estopa para case todos A imaxinación púxose de manifesto no certame taragoñés de carrozas

04 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Ninguén quedou a salvo da mordacidade coa que murgas e comparsas espuxeron onte a súa particularidade visión do mundo. A lingua viperina, sempre ben intencionada, saiu ás rúas da bisbarra barbancesa cos desfiles que encheron de son, marcha e colorido unhas vilas nas que, por sorte para os festeiros, a choiva non fixo acto de presencia. Houbo estopa para todos nesas rimas feitas á machada coas que os disfrazados arrincan risas a esgalla. Se as composicións evidenciaban moitos dos temas de actualidade que están en boca de todos, nos traxes ocurreu algo do mesmo. Algúns eran intemporais, pero outros recollían ideas de primeira plana de xornal.As comitivas, formadas por maiores e nenos de tódolos sexos, ocuparon as vilas. En Boiro xuntáronse nunha carpa instalada na avenida da Constitución e en Ribeira percorreron o malecón para rematar no parque García Bayón. Na localidade de Taragoña tivo moito éxito o certame de carrozas, que gañou unha recreación de Astérix e Obélix. Os seus membros percibiron 240 euros en metálico. A segunda, dedicada a Batman, e a terceira clasificada, titulada El jardín de primavera , levaron 150 e 90 euros, respectivamente. Tamén foi moi seguida a primeira gincana de vehículos autopropulsados de Rianxo. Polo que respecta a A Pobra, a comitiva saíu da Covecha e desfilou sen descanso ata a praza Maior. Entre o grupo había un que elixiu como disfraz un anuncio de galletas que aterrizan nun tazón de almorzo.Os nenos das parroquias de Lousame desfrutaron luns e martes dun obradoiro itinerante no que aprenderon a confeccionar máscaras. No Son, 300 meniños acudiron o luns pola tarde a un festival con música e baile na casa da cultura, onde os sorprenderon con bolsas cheas de caramelos. En Noia, os cativos presumiron onte de traxes no pavillón polideportivo. Entre os centos de modelos, chamaban a atención un grupo de nenos vestidos de bosque animado e outro de inspiración carioca.