«Agora temos controlado o mercado»

La Voz

BARBANZA

Juana Martínez López, presidenta da agrupación de mariscadoras de Muros Juana Martínez leva xa seis anos como presidenta da agrupación de mariscadoras de Muros, cargo para o que foi elixida en dúas ocasións por unanimidade. O feito é que a asociación é un éxito, pois gracias a que se respetan os tamaños mínimos e os topes máximos conseguiron mellorar o prezo dos bivalvos e, polo tanto, gañar máis cartos co seu traballo. Tamén está acadando que o furtivismo sexa cada vez unha actividade máis anecdótica. A agrupación muradana está a entrar en contacto con outros grupos de profesionais de Galicia para intercambiar impresións, o que impide que as directivas dispoñan de tempo suficiente para traballar.

06 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Juana Martínez está segura do éxito da agrupación que preside, aínda de recente constitución con carácter oficial. -¿Canto tempo leva á fronte da asociación? -Levamos dende o 97 organizándonos, pero a constitución legal foi o ano pasado. Os cargos elixíronse tras unha reunión coa Xunta na que había que escoller a dúas persoas para representarnos nun encontro en Viveiro. Daquela xa estabamos organizadas, pero non estaba legalizada a a asociación. Nun principio quedamos como xestoras a actual vicepresidenta, Dolores López, e mais eu. Estivemos catro anos no cargo e despois renovamos outra vez por unanimidade. A xente está contenta co noso traballo, polo menos de cara a cara. -¿Cales foron as primeiras medidas que tomaron? -Nós xa empezamos por respetar as tallas. Vimos que o marisco pequeno non podía saír das praias, así que decidimos deixalo medrar uns meses máis. Avisamos ó patrón maior para que non deixase sacar o bivalvo dese tamaño e estiveron de acordo connosco. Fixamos un tope de capturas e pasamos de vender a 0,60 euros o quilo a 7,81. Antes estaba todo desorganizado: collíase todo o que había. Agora temos controlado o mercado. Se vemos que baixan os prezos, reducimos o tope. Se non hai demanda, deixámolo. Cando o prezo non nos interesa, pechamos o areal. -Entón, ¿o principal éxito foi o aumento das ganancias? -Cóllese o marisco máis grande. Xa se ve a simple vista o que supera a talla mínima, pero aínda así cribámolos dous milímetros por riba da talla legal. O pequeno queda no areal. Se nunha zona hai moito inmaturo non se traballa alí. Non deixamos ir á praia ata que a marea estea baixa. As que vixían están pendentes da hora á que se pode comenzar, porque o berberecho está na zona máis baixa. Incluso, se hai mal tempo non se faena porque a corrente move os exemplares pequenos. -¿E segue a existir o furtivismo nas costas muradanas? -Cada vez hai menos. Dez mulleres controlan a praia diariamente. Chámanme se ven algúen cometendo ilegalidades, e eu entón aviso ós vixilantes. -¿Cales son as especies? -Na zona temos unha ameixa fina de gran calidade e tamén berberecho. Agora estase empezando a rexenerar a navalla en Abelleira. Tamén hai ameixa babosa, pero esperamos a que se recupere sen ter que traela de fóra. -Pero sembran outras. -Si, estamos no Plan Galicia. Temos un parque flotante, mesas e bolsas de malla para sembrar a ameixa. Imos facer un parque de cultivo e sacar ostras. Temos que levarllas ós compradores para saber se o prezo será o axeitado. -¿Cantas persoas forman a agrupación que preside? -Sobre 140, incluídas algunhas de Noia. Estamos poñendo en marcha unha agrupación de agrupacións a nivel galego que se chama Areal. Están 28 organizacións. Reunímonos para para coñecer os problemasde cada unha. Este xoves tivemos a última.