O PP BUSCA AIRE FRESCO PARA NOIA

La Voz

BARBANZA

15 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda hai quen cre no caciqueo aquel de que nada se pode mover sin que o sepa o señorito. Hoxe, que estamos na sociedade da información, prentender acaparar en torno a un todas as novidades é tanto como crer no sexo dos anxos... ou sexa, que os disques, segundo de quen veñan, teñen máis ou menos fundamento, i o de Juancho en Noia é unha verdade coma un mundo, o que pasa é que hai que protexe-lo das xeracións de lobos «populares» que cohabitan no PP local. Ninguén pode desmentir que López Oviedo é o candidato que necesita o PP, por moitas circunstancias: ten boa imaxe, é unha persoa moderada, ten o aval da súa brillante xestión no Náutico de Portosín, e, o que é mellor, non está queimado polas liortas internas da formación conservadora: en resumo, sería unha bocanada de aire fresco na política local de Noia e o serio presaxio da nova maioría absoluta que precisa a vila, chea de convulsións desde que os socialistas sepultaran tan ventaxosa posición acadada por Suso Díaz. Pretender a renovación no PP ca incorporación á dirección local de calquera integrante dos irreconciliables bandos de Mari Carmen Abeijón e de Primitivo Hermo, sería como renunciar á oportunidade de pescar en río revolto. Porque o PSOE está dividido, pero ten a vantaxe da alcaldía, posición que pode ser clave no caso de que ningunha das opcións políticas arranxe os seus problemas internos antes das eleccións. E que nin o silencio «de lealtade» do BNG consigue acalar as diferencias que hai nas proprias rengleiras frentistas. Estas non son só conclusións de quen as escribe, senón da propria dirección do PP que non quere suxerir candidatos, pero xa sondeou a Juancho pensando máis na alcaldía que no congreso do xulio. E no medio irrumpe Tono Ínsua, cun perfil de bonhomía semellante ó de Juancho, máis un plus: a súa militancia no PP, da que carece López Oviedo. É sen dúbida outra opción positiva para Noia. O seu principal problema é o apoio expreso de Primitivo Hermo, o que hoxe por hoxe resta máis do que suma, non por nada en particular, senón pola intención do partido de facer borrón e conta nova. O desenlace podía pasar pola bicefalia. A cuestión é ¿cal dos dous estaría disposto a renunciar ó garamelo da alcaldía? Tempo hai para resolve-la ecuación.