Entretementos con tradición

SARA ARES LEMA LOUSAME. CORRESPONSAL

BARBANZA

ARES LEMA

Nenos de Lousame aprenderon xogos populares con anciáns de Santiago Os alumnos de Educación Primaria do Colexio Cernadas de Castro de Lousame viviron onte unha xornada de convivencia cun grupo de oito anciáns da residencia Porta do Camiño, de Santiago de Compostela. Os maiores ensinaron ós rapaces a participar en xogos tradicionais galegos, como a chave, a petanca, a rá, a panchela, os zancos e outras moitas diversións.

23 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramón Leboráns, Basilio Vidal, Josefina Carnota, Irene Romero, Manuel Iglesias, Manuel López, Enrique Gesteiro e Gregorio Fernández son oito anciáns que conviven na residencia compostelá Porta do Camiño. Onte abandonaron o seu fogar habitual por unha boa e entretida causa, a de ensinar ós estudiantes de Primaria do Cernadas de Castro como se divertían eles fai varias décadas. O caso é que conseguiron o seu propósito, xa que os nenos amosaron moito interese e non tardaron en collerlle o tranganiño a cada un dos xogos. Practicaron coa petanca, a rá, os aros, a comba, os zancos, a chave, a panchela ¿que é parecida a un trompo¿ e con outros nos que tiveron que empregar máis inxenio para descubrir o seu funcionamento. Pola súa banda, os maiores que exerceron de profesores amosaron que teñen moitas táboas ás súas costas. De feito, levan desde o ano 1989 percorrendo con éxito colexios de Galicia, nos que desenvolven esta experiencia didáctica. Asemade, cabe destacar a vitalidade da que fixeron gala estes anciáns, que sobrepasan, case todos, a barreira dos 80 anos. A Lousame acudiron acompañados pola traballadora social Carmen de la Sierra e por unha alumna que fai as súas prácticas no asilo, Isabel Pantoja. A responsable do grupo destacou as vantaxes que reportan este tipo de iniciativas: «Axudan a mellorar a convivencia coa terceira idade e son xogos sociabilizadores».