O momento da morte de Ramón Sampedro foi traumático para os seus amigos e familiares, aínda que xa o esperaran. -¿Presentiu ese momento? -Pasado o Nadal, el tiña meditada esa decisión, pero non o esperaba tan cedo. O día anterior, pola noite, chameino e quedamos en que iría velo o domingo seguinte. Dixo: «Trae a comadre canda ti». Despois, daste de conta de certos detalles: un carraspeo, como unha ansia de comunicarme algo. Logo tiven unha inmensa tristeza. Automaticamente pensei nos seus pais, na súa cuñada Manuela. Pensei que Ramón por fin era libre. Estaba onde quería estar. Comezaba unha nova vida. -¿Como o viviu a súa familia? -O seu pai levou un golpe moi grande, aínda que xa o tiña asumido. Tivo longas conversas con Ramón sobre a vida e a morte. Quizais era o fillo preferido do señor Xaquín despois daquel fatídico agosto. O seu pai díxome que, polo menos, mentres tanto, tíñao alí. Pasados os primeiros días, co apoio da familia e dalgúns amigos, foino sobrelevando, pero sen esquencer. -¿Era unha persoa crente? -El era crente, pero entre aspas. Nas nosas conversas falábamos de todo, e inexcusablemente tratábamos de Xesús. Tiña fe, pero non a fe imposta polas castas dominantes, senón que xurdida dende a súa liberdade. El cría na existencia de Xesús, un home libre. -¿Sufriu moito Ramón? -Sufría moito. O sufrimento non é o mesmo cá dor. É moito máis profundo. Cando quedas só, contigo mesmo, é cando sofres. Os seus escritos atestiguáno. Tampouco estaba abandonado, nin tolo.