Unha muller posuída polo demo

M. R. S. / A. G. V. RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A compañía de Boiro representou a historia dun crime que se produce nunha aldea chea de supersticións A formación boirense Teatro do Improvisto representou o venres no auditorio municipal de Ribeira a obra «O crime de Aldea Vella», un drama psicolóxico baseado nun feito real acontecido nunha localidade portuguesa durante os anos 30. Os personaxes, maioritariamente femininos, representan a superstición e a ignorancia que existía no mundo rural a comezos do século pasado. Esa incultura é a que acaba acusando a unha muller inocente, que remata dun xeito tráxico, que xa presaxia o título da montaxe.

01 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A acción desenvólvese en Aldea Vella, unha pequena localidade que leva varios anos sen cura párroco. Todos agardan a chegada do padre Xulio, que será o novo cura e é fillo dunha veciña da aldea. A súa irmá, Xoana, nunca chegou a estudiar e odia ós homes, despois dunha experiencia traumática da súa xuventude, froito da cal ten unha «sobriña». Mentres esperan a que chegue o ómnibus no que viaxa Xulio, as veciñas discuten acerca de quen é o mozo máis axeitado para Xoana. Aparecen dous, Antonio e Ruiz, e ela, por medio de enganos, consegue que os dous se pelexen na rúa con coitelos. Ó final, os dous morren. A nai de Antonio acusa á rapaza de ser bruxa e estar posuída polo demo. Tódalas veciñas, mesmo a súa propia nai, acaban crendo que Xoana ten o diaño no corpo. Unha serie de acontecementos chegan a facer que ela mesma crea estar embruxada. Iso pensa toda a aldea, menos o seu irmán, o padre Xulio, que lle asegura que está en gracia de Deus. Para demostrarllo, chama a un exorcista, que está de acordo coa opinión do sacerdote. Sen embargo, as súas explicacións non lles bastan ás mulleres da aldea, que seguen insistindo na posesión diabólica de Xoana. O exorcista marcha coa promesa de enviar ó día seguinte á rapaza a un hospital de monxas para que se recupere da súa crise nerviosa. Pero non chegará a tempo. Pola noite, as veciñas, seguindo os consellos da vella Sefa -que si parece, de verdade, unha bruxa- practicaranlle un sinistro exorcismo -o lume purificador- que acabará definitivamente co diaño. Toda a acción desenvólvese nunha habitación da casa de Xoana, que ten un balcón que mira cara a fóra. A el asómanse as mulleres para esperar a chegada do autobús e ver o que sucede na rúa. Nos entreactos, o cuarto queda a escuras e unha feble luz que entra pola xanela permite apreciar o movemento das siluetas dos personaxes, movéndose dun lado a outro do escenario. As interpretacións dos actores e actrices pódense considerar como naturalistas, sobre todo nos momentos nos que as mulleres berran entre elas dun xeito arrepiante. A caracterización dos personaxes tamén está moi lograda, ata o feito de que a vella Sefa parece de verdade unha persoa desa idade.