«O cercano é o que menos coñecemos»

La Voz

BARBANZA

CARMEN BROZ A ENTREVISTA Xoán Fontaíña Pérez, biólogo ribeirense autor dunha guía sobre a costa de Barbanza

14 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai unha semana, Xoán Fontaíña presentou, en O Vilar, Costa del Barbanza. Guía para coñecer e conservar, un manual no que invita ós lectores a precorre-los camiños e descubri-los numerosos atractivos naturais e culturais cos que conta Barbanza, unha comarca que, como ribeirense e afeccionado a camiñar por estas terras, coñece case coma a palma da súa man. -¿Que lle levou a emprender este proxecto? -Eu traballo nunha empresa de educación ambiental e coñecía a Antonio, o presidente da Asociación de Propietarios do Parque Natural de Corrubedo, que son os que promoven a guía. Un día empezamos a falar de facer algo para potenciar un turismo racional na zona, cun doble obxectivo: dar a coñecer os valores de Barbanza e evita-la masificación de visitantes no parque. -¿Na guía dase conta de paraxes ou monumentos pouco coñecidos? -Sí, por exemplo, a Pedra das Cabras, que é un penedo moi importante. Ás veces o que temos máis cerca é o que menos coñecemos; sempre pensamos que xa teremos tempo. Na nosa empresa organizamos actividades para a terceira idade; unha vez trouxemos a un grupo a Corrubedo e ó mirador da Curota, e moitos sorprendíase de teren eses valores. -¿Cal pensa que é o principal interese ou novidade da obra? -Penso que o que a diferencia doutras guías é que introduce rutas a pe. Moita xente quere coñece-lo entorno camiñando, é unha demanda que vai a máis. Ademais pódense atopar itinerarios accesibles para persoas discapacitadas ou con escasa movilidade. Por outra banda, o libro básase en técnicas de interpretación ambiental que pretenden informar dunha maneira amena e didáctica. -¿Cómo se documentou para elaborala? -Ben, eu teño un certo coñecemento do entorno por experiencia; son de Ribeira, gústame camiñar e sempre aproveito para facer algún roteiro a pe; e, como biólogo, coñezo ben os aspectos naturais. Para os etnográficos e culturais, documenteime en libros de xeografía e historia e contei ca colaboración de expertos. -Tamén inclúe receitas de cociña... -Sí, esa idea foi de Antonio. A gastronomía forma parte dos valores dos sitios ós que vas. Nesta comarca hai unha serie de comidas, non exclusivas, pero características e pouco fáciles de atopar, coma as empanadas de madrelas, de millo, de mazá... Para consegui-las receitas falamos cas nosas nais e amas de casa.