«Non hai comunicación cos concellos»

La Voz

BARBANZA

CARMEN BROZ A ENTREVISTA Fins Eirexas, representante comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia

16 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Adega é unha asociación ecoloxista de ámbito galego que ten a súa sede en Santiago e funciona a través de delegacións nas comarcas. Fai case dous anos, Fins Eirexas Santamaría e outros mozos que militaban en pequenas agrupacións locais decidiron aproveita-la estructura desta entidade, cunha experiencia de 25 anos, para desenvolve-la súa actividade dun xeito máis eficaz. -¿Que tipo de actuacións levan a cabo? -As nosas actividades consisten, fundamentalmente, en denunciar e sensibilizar á poboación con respecto ós proxectos que perxudican o noso entorno. -¿Quen integra a delegación de Adega na zona? -Ademais dos socios numerarios, que aportan cuotas para financia-la entidade, somos doce os implicados, repartidos entre os distintos concellos da comarca natural, da que Noia e O Son tamén forman parte. A directiva está composta por membros da asociación pobrense Acuario, que era a máis activa desta zona. -Ademais das aportacións dos seus socios, ¿contan con outras fontes de financiación? -Recibimos fondos dos concellos e da Xunta. Son axudas eventuais para actividades concretas. Noutros sitios de España, as ONG perciben unha subvención fixa. Agora Adega está xestionando acordos cos principais concellos de Galicia. -¿Cales son os maiores problemas medioambientais nesta comarca? -As agresións contra a natureza estanse incrementando: os parques eólicos, o polígono industrial de Aguiño, os encoros... O noso cabalo de batalla fundamental é o tratamento de residuos. Nós apostamos polo plan Barbanza, que pretendía reciclar tódolos materiais orgánicos a través da compostaxe. Pero as presións políticas fixeron que se implantase o de Sogama, que ten como resultado a liberación de dioxinas e máis electricidade para Fenosa. -¿Os veciños están concienciados da importancia de protexe-lo entorno? -Cada vez máis, porque están constatando que é un problema que afecta a todos. Por exemplo, as confrarías danse conta de que os incendios forestais perxudican o marisqueo porque arrastran sedimentos que matan ás especies. A xente decátase de que o progreso é armónico co coidado do entorno. -¿Que tal é a súa relación cos concellos? -Non hai comunicación porque os políticos consideran o medio ambiente coma unha cuestión menor. Basta dicir que non existe unha concellería adicada exclusivamente a estes temas.