Xosé Agrelo Hermo recibiu o galardón Leixaprén en Muros pola súa ampla traxectoria na defensa do galego Os equipos de Normalización Lingüística dos institutos de Outes, Noia, Mazaricos, O Son, Lousame e Muros acordaron outorgar o segundo premio literario Leixaprén a Xosé Agrelo Hermo. O escritor e profesor recolleu onte o galardón no IES Fontexería, no decurso dun acto no que tamén se lembrou a figura e obra de Belén Feliu -docente do centro-, quen veu truncada a súa xove vida recentemente. O alumnado dos dous institutos muradáns, xunto coa totalidad dos profesores, acudiu a esta celebración.
30 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A laboura en defensa do idioma galego, levada a cabo durante toda a súa vida por Xosé Agrelo, foi recoñecida onte no IES Fontexería. Na xustificación da elección do mestre nacido en Noia e adicado a docencia, antes en Esteiro e agora en Muros, primou o ser pioneiro no emprego da lingua galega, tanto na escola coma en tódalas súas manifestacións culturais e tamén no eido político. Manolo Sendón resumeu a traxectoria profesional de Xosé Agrelo, definíndoo como un gran mestre, non só na escola, senón tamén pola potenciación de actividades culturais vencelladas á vida galega. Destas destacou a súa aportación literaria e a súa dedicación ó teatro. Potenciar a lingua Pola súa banda, o premiado sinalou que «a fala propia é a esencia primaria e básica de calquera pobo». Agrelo Hermo tamén fixo fincapé en que «débese impedir que o galego sexa una lingua de culto, e contribuir todos para que se convirta na norma de comunicación entre tódolos galegos». O agora director do IES As Insuas resaltou tamén que «ó recibir este premio lémbrome de tantas xentes que se esforzaron pola potenciación da nosa fala, dende o anonimato e sin esperar o recoñecimento de ninguén». Conclueu a súa intervención cun sonoro «viva a lingua galega». A entrega do segundo premio Leixaprén sirveu tamén para rendir unha sentida homenaxe á profesora do IES Fontexería, Belén Feliu, quen finou ós 36 anos de idade. De ela dixo Ánxela Doval que «pese á súa aparente introversión, sempre se significou pola participación activa en cantas iniciativas se fixeron aquí, pola súa formación e as súas afecións, dentro das que destacaban a fotografía e a literatura». Este certame instaurouse o ano pasado a iniciativa do instituto Poeta Añón e o primeiro gañador foi Manuel María.