Autovías no mar

La Voz

BARBANZA

MARTINA MISER

A ría de Arousa chegou a contar con 25 liñas de pasaxeiros para unir as principais poboacións do litoral Afírmao Bernardo Máiz nas súas primeiras palabras sobre a Ría de Arousa: «polo seu tamaño, pola súa variedade poboacional e económica, a Arousa é máis mar ca ría». Non debe extrañar, por tanto, que a Ría de Arousa fose unha das máis importantes, senón a máis no seu tempo, do tránsito de pasaxeiros en liñas marítimas locais. No seu libro, «As embarcacións de pasaxe das rías galegas. (1573 - 2000), este profesor ferrolán estudia polo miúdo o tráfico de pasaxeiros no litoral galego e presta atención especial ás liñas que achegaron os 200 quilómetros de costa que ten a Arousa. En total, chegaron a estar rexistradas na ría ata 25 liñas de pasaxeiros de carácter regular, as primereiras dende a metade do século XVIII que unían Ribeira con Carril.

09 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

CAMILO FRANCO VILAGARCÍA As circunstancias do florecemento das liñas regulares de pasaxeiros no interior da ría de Arousa se deben, segundo o profesor Máiz ó caráter da propia ría e o crecemento das industrias de salgado en ámbalas dúas costas. A esto había que sumar as deficiencias para a comunicación por terrra: 200 quilómetros de contorno e unhas carencia de infraestructuras que, en moitos casos non se solventou ata ben entrados os anos 80 do pasado século. Non era raro, por tanto, que cun comercio en constante crecimiento e unhas comunicacións por terra tan escasas, o transporte marítimo fose unha arma fundamental para conectar as dúas ribeiras. A mellora das comunicacións por terra e os cambios de fluxos comerciais no entorno da ría supuxeron o fin do pasaxe e os armadores foron cambiando de actividad sen deixar o mar, en boa parte, cara o turismo. Sen embargo, A historia dos galegóns, dos vapores e motaras está moi ligada á da ría e o seu desenvolvemento. No libro de Bernardo Máiz se recolle a anotación a propósito da existencia liña Isorna - Torres do Oeste que, polo escrito xa funcionaba a comezos do século XVIII. Cara ó ano 1776, segundo recolle o investigador Cornide Saavedra, funcionaba unha intensa comunicación marítima entre Ribeira e Carril. Xustamente apuntaba o historiado a propósito do porto carrileño que alí «fondeaba toda embarcación do comercio». Para Bernardo Máiz unha das cousas do crecemento da actividade marítima no interior da ría foi o establecemento nos seus litorais a partir de 1750 das factorías de salga. Estas fábricas, maioritariamente de capital catalán foron o precedente das conserveiras. Se na banda sur, foi Carril o primeiro porto que se formou, na banda norte da ría, foi Ribeira quen primeiro acadou actividade portuaria. Sen embargo, Carril estableceu unha aduana en 1814 o que lle permitiu comezar a realizar operacións con América o que, xunto á chegada do ferrocarril, deixou por diante a este porto.