O escritor palmeirense defende que o trobador Pero Rodríguez naceu na ría de Arousa e non en Portugal O trobador Pero Rodríguez de Palmeira, a quen sempre imaxinaba camiñando polas rúas do Porto e O Eitón co seu laúde ó lombo, ou embarcando nunha dorna cara ó pazo dalgún nobre, onde o seu arte de cantautor fose apreciado, non pode considerarse oriundo deste vello porto arousán, porque desde Portugal aseguran que é deles, concretamente de Santa Eulalia de Palmeira, perto do río Ave. Eu, mitólogo por natureza, sen negar as razóns dos lusos, manteño as miñas dúbidas, pois el foi poeta no pazo arcebispal de Compostela, cando Palmeira era posesión da Se e os seus moradores, servos da mesma.
15 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Os poetas tiñan o seu público por afinidade cos oíntes e ficaban onde máis aplausos recibían, cando non percorrían as terras de castelo en castelo, unhas veces acompañando ós seus señores, para facerlle máis levadeira a viaxe, e outros por iniciativa propia. Chegaban a ser asiduos en determinados lugares, onde as súas composicións se convertían en grandes éxitos do momento. Como tamén ocurre agora, cando a popularidade dun músico é manifesta, os señores da política non dubidaban en telos próximos, en contar con eles para atraer xente. Pero Rodríguez de Palmeira, se realmente era palmeirán da ría de Arousa, tíñao moi doado para estar, como estaba, no pazo de Diego Xelmírez, ocupando o seu tempo libre en facerlle as beiras á filla dunha sobriña do arcebispo. Don Diego, con tantas cousas do goberno na cabeza, gustaría, como é de supoñer, de oír os acentos da súa ría de Arousa despois das arduas negociacións políticas que o posto demandaba. Escoitar nun intre de descanso os sons da súa infancia feitos rima tiñan que relaxalo, a el e á nova dama pacega, aínda que fosen cantados na variante do outro lado do mar, da banda fronte á Catoira dos seus antergos e onde por eses anos gobernaba o esposo da sobriña, Paio Curvo.