No verán, cancións de rir e chorar

F. SARASQUETA RIBEIRA

BARBANZA

A editorial noiesa Toxosoutos está a publicar unha mostra das melodías populares da comarca de Muros A Costa da Morte ten un gran repertorio de cancións populares e a comarca de Muros e Carnota, segundo Manuel Quintáns, mestre no instituto de Cee, tamén sobresae por posuir unha gran riqueza de temas, letras e melodías. O seu libro «Cancioneiro do Fisterra Galego», publicado recentemente pola editorial noiesa Toxosoutos, preséntase deste xeito coma unha oportunidade inmellorable para que os veciños da bisbarra muradana dirixan a vista ó seu interior e ó seu pasado, aínda que só sexa para retardar durante uns cantos anos o que xa é certamente inevitable: a desaparación das máis queridas tradicións galegas.

10 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

«Non che quero por bonita/ que xa sei que non a es/ quéroche por moreniña/ e pola lei que me tes./ Moreniña, ¿dóenche os ollos/ tamén che me doen os meus:/ vámolos lavar ó río/ onde a troita lava os seus». Esta cantarea, que aínda que pareza mentira está incluida no libro de Manuel Quintáns Suárez no apartado de defectos, é unha mostra do que se compoñía hai anos en varias parroquias do concello carnotano. O repertorio temático, hoxe en día moi empregado polas agrupacións de pandereteiras, é amplo: cancións da muller, do home, de vellos e vellas, da familia, do casamento, de amor ou de curas, demos e meigas. Tres tomos Hai moitos máis. E tamén un gran número de composicións -son máis de 2.500-. Por iso, por problemas de espacio, o recopilador Manuel Quintáns Suárez optou por elaborar tres tomos. O que publicou Toxosoutos é o primeiro deles. Nesta reportaxe, este periódico limitarase a falar sobre as que pertencen ós concellos de Muros, Carnota e Mazaricos. Sen lugar a dúbidas, un dos cancioneiros máis ricos, para ben ou para mal, é o que fai referencia á muller. Hai de todo. Dende as máis rendidas louvanzas á beleza e ó talante femenino ás burlas máis rematadamente crueis. Entre as primeiras inclúese a seguinte composición, de Louro: «Tes dous ollos na cara/ que parecen dous luceiros/ que saen ós camiños a roubar ós mariñeiros». Ou esta, de Lira: «A sardiña no panel/ a sardiña no panel/ pequeniña e ben feita/ así quer se-la muller». Mais tamén as hai crueis: «As mozas daquel lugar/ teñen as pernas tortas/ unhas valen pra angarellas/ outras, pra tranca das portas». O cancioneiro do home tamén ten xoias: «Andivésteste alavando/ que tes montes a moreas/ e tes un ferrado de lendias/ que che comen as orellas». De Muros, é esta que se cita: «Cando me pariu mi madre/ pariume nunha escudilla/ veu o gato e comeumo/ crendo que era unha morcilla». Os compositores -neste caso compositoras, e anónimas- incluso se atreven a meterse cos homes de máis idade: «Heime de casar cun vello/ heime de fartar de rir/ heille de poñe-la cama/ onde non poida subir».