O Cortegada recibe o trasatlántico Maristas no primeiro dos seus dous partidos en menos de 24 horas
VILAGARCÍA DE AROUSA
As de Manu Santos enfrontaránse o domingo ao Manresa
21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Intensa e altamente esixente fin de semana a que encara desde hoxe o Mariscos Antón Cortegada, con dous partidos de Liga Femenina 2 en menos de 24 horas en axenda sobre o parqué do Pavillón Municipal Sara Gómez. O primeiro deles, o máis complicado de cantos restan do calendario da fase regular, co paso esta tarde por Vilagarcía de Arousa do Maristas Coruña, o líder e firme candidato a campión de conferencia, antes de xogar na tarde do domingo co Manresa CBF.
Hoxe, desde as 19.30 horas, as de Manu Santos tentarán emular o ADBA e o Ibaizabal, que cuns estreitos 69-63 e 68-66, son ata hoxe os únicos equipos que foron quen de derrotar o líder, nas xornadas 5 e 11, respectivamente. Mellor ataque do grupo, con 73,2 puntos de media por partido, e terceira mellor defensa, o Maristas Coruña loce a mellor porcentaxe de acerto nos tiros de campo, un 41 %, pouco superior ao 40,1 % que manexa o Cortegada.
A pívot Brenda Fontana, sexta mellor xogadora da conferencia con 12,6 puntos e 7,7 rebotes de media por encontro, é unha das referencias ofensivas dun cadro herculino cun gran fondo de armario e un quinteto titular ben definido e letal en todas as súas liñas. A base Nevena Dimitrijevic, a escolta Josefina Zeballos (cuarta anotadora da Liga con 14,6 puntos por partido), a aleiro Jiménez e a á-pívot Arcos xerando xunto a Fontana boa parte dos «focos de ataque» que o técnico do Mariscos Antón, Manu Santos, salienta debe parar o seu equipo para ter opcións de vitoria ante o que, non o dubida, «é o mellor equipo da competición».
O adestrador vilagarcián recorda que o Maristas Coruña «xa case ascende o ano pasado, quedándose no derradeiro partido na fase en Vilagarcía». Un case que vai camiño de superar apostando pola continuidade do groso do seu cadro de boas xogadoras e, sobre todo, do seu técnico, Fernando Buendía, na que é a súa cuarta campaña á fronte do vestiario herculino.
«Gañar mañá —por hoxe— é un reto, pero se queremos estar nos postos de arriba é o que temos que tentar», declaraba na véspera Manu Santos. O plan de acción: «Cortar o ritmo e o xogo de transición» do Maristas, «parar os seus focos de ataque», pero sobre todo, «pensar primeiro en nós, tentando estar ben nos nosos básicos de defensa».
Co precedente da súa anterior fin de semana de dous partidos, no primeiro mes de Liga en Cataluña, con vitorias en Tarragona e Manresa, as de Manu Santos aspiran a repetir botín. Facelo pasa por superar hoxe o líder, e mañá, desde as 16.30 horas, o Manresa CBF, décimo clasificado con oito vitorias, tres menos co cadro vilagarcián. Manu Santos salienta do seu segundo rival o seu xogo colectivo e a capacidade das súas exteriores para xerar vantaxes para as súas compañeiras.