Arousa Bike organizará en Vilagarcía o Campionato Galego de BTT Resistencia 3 Horas
VILAGARCÍA DE AROUSA
A proba disputaráse na contorna do encoro de Castroagudín o domingo 15 de febreiro
29 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.As pistas e a contorna do encoro do lugar de Castroagudín, en Vilagarcía de Arousa, volverán ser, por terceiro ano consecutivo, escenario dunha cita de BTT Resistencia 3 Horas. A gran diferenza respecto ás disputadas nos anos 2024 e 2025 será que desta volta, o domingo 15 de febreiro, o club local Arousa Bike BTT terá a responsabilidade e a honra de organizar o Campionato Galego da disciplina de ciclismo de montaña.
O presidente da entidade deportiva vilagarciá, David Janza, explica que os participantes atoparán o mesmo circuíto de 6 quilómetros que serviu os dous anos anteriores para probas puntuables para a Copa Galicia de BTT Resistencia 3 Horas, cunha única diferenza. A saída muda dos pés do encoro á praza da fonte situada no medio do lugar de Castroagudín. Un troco que persegue estirar o pelotón tras a partida masiva, variando un terreo chan por unha subida que comezará a seleccionar desde os primeiros metros para evitar unha chegada en tropel á primeira curva do trazado. E é que, salienta Janza, o paso a Campionato Galego leva aparellado un incremento do número máximo de participantes, coa Federación Galega de Ciclismo pedíndolle ao club organizador elevala de 300 a 350.
A competición contará con dezasete categorías de idade, desde a cadete ata todos os treitos de máster, podendo competir os bikers tamén na modalidade de relevo por parellas. Todos eles, ofrecendo un fermoso espectáculo deportivo que, grazas ao circuíto deseñado por Arousa Bike BTT, pode ser seguido desde multitude de puntos, salienta Janza.
Fiel ao seu espírito, o club vilagarcián quere ir máis aló dunha cita estritamente ciclista. Por un lado, colaborando un ano máis cunha entidade social. Desta volta, coa asociación Con Eles, cuxos usuarios deseñaron o debuxo da camiseta que se lles agasallará aos participantes, aos que se lles entregarán tamén unha botella de albariño e tres latas de conservas doadas por empresas da comarca.
Ademais, tras o reparto de trofeos, Arousa Bike BTT agasallará aos presentes con 500 racións de callos preparadas polos chefs Rubén García e Xoanqui Ameixeiras, acompañadas de empanada e viño.