Pés de Barro ensina a tocar panxoliñas con culleres e cunchas
VILAGARCÍA DE AROUSA
A asociación organizou un taller de percusión miúda dentro da súa Ruada de Nadal
22 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En Pés de Barro teñen claro que o importante é pasalo ben. Que unha vez que isto acontece xorden por si soas as gañas de cantar e de bailar. E diso ía a Ruada de Nadal que organizaron este domingo na praza de abastos de Vilagarcía. Primeiro, de pasalo ben, o mellor posible. E segundo, de aprender a cantar e a tocar panxoliñas empregando todo o que temos a man, dende as culleres da sopa ata as cunchas das vieiras. Todo vale para facer música e para amenizar estas festas cunhas boas panxoliñas.
A xornada da mañá foi para aprender. Para recibir toda unha clase de percusión miúda da man de Lucio, o mestre de percusión da asociación. Para participar só era preciso presentarse na praza de abastos e levar algo que podemos atopar nas mesas de Nadal, dende unhas simples culleres ata unha cuncha de vieira pasando, por suposto, pola tradicional botella de anís. «Queremos amosar como se pode empregar todo o que temos riba da mesa para acompañar unhas panxoliñas», contaba Lucio minutos antes de empezar a clase.
E coas culleres comezou a lección. Non soan igual as de madeira que as de metal, contaba o mestre, que aconsellou tamén utilizar as culleres máis pesadas, porque soan máis, e forralas con esparadrapo se vemos que nos fan dano. Despois, con moita calma e detalle, ensinou como se deben coller as culleres para facelas soar. «A primeira vai entre o índice e o polgar, a segunda entre o índice e o corazón e entre elas ten que quedar un dedo de distancia», explicou. Unha vez que se collen de forma axeitada existen dúas formas de facer música. A primeira é golpeándoas contra o xeonllo contrario de forma rítmica, a segunda implica poñer a man libre riba do seu xeonllo e golpear as culleres na man e no xeonllo.
As explicacións repetíronse para outro tipo de instrumentos, coma as cunchas ou as botellas, e pouco a pouco os presentes foron collendo o ritmo e a animarse a cantar. Pola tarde puideron amosar todo o que aprenderan e tocar e cantar panxoliñas coma verdadeiros artistas.