O Belén Artesanal de Valga abre hoxe as súas portas e Vilanova acende o seu alumeado de Nadal

La Voz VALGA, VILANOVA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ambas as dúas citas comezarán a media tarde

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados foi o primeiro en darlle a benvida á época navideña o venres co acendido das súas luces de Nadal acompañadas dunha chocolatada. Vilagarcía foi a seguinte, cunha nova e espectacular visita onte por anticipado de Papá Noel para encher de luz e de cor a capital arousá. E hoxe será a quenda de Valga e de Vilanova de Arousa.

Na localidade do Baixo Ulla procederáse á apertura da sen dúbida atracción máis esperada na zona nesta época do ano. Tras o xa habitual acto institucional, ás 18 horas as portas do local que alberga o Belén Artesanal de Valga, recoñecido como de Interese Turístico de Galicia, dará acceso aos primeiros dos milleiros de persoas que cada ano acoden a gozar da última montaxe e das novidades que cada novo Nadal engade a asociación que promove e se encarga de materializar un dos beléns máis singulares que existen.

Algo máis ao sur, o alcalde de Vilanova de Arousa presidirá o acendido do alumeado de Nadal da vila no Xardín Umbrío. Será ás 18.30 horas, con chocolate e churros gratis para os asistentes e co aliciente, iniciado o ano pasado, de descubrir unha nova atracción gardada en secreto.