A capital arousá botará o peche á tempada de xadrez con torneo e gala

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Open McDonalds reunirá o sábado a 200 xogadores no Auditorio de Vilagarcía

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O xadrez sacará peito mañá sábado en Vilagarcía de Arousa. Faráo elixindo un ano máis a capital do Salnés como escenario de peche de tempada. A nivel deportivo, coa celebración da que será a décimo sétima edición do Open McDonald’s, derradeira proba do calendario do Circuíto Galego de Promoción, deseñado para bregar os novos valores do xadrez do país. E xusto ao rematar, coa gala anual do deporte de reis e de raíñas.

Comezando polo Open McDonald’s, serán 200 os xadrecistas que se citarán nos corredores do Auditorio de Vilagarcía. En xornada de mañá e de tarde, os competidores, das categorías Sub-8. Sub-10, Sub-12 e Sub-14, competirán en paralelo aos inscritos no open absoluto, aberto para xogadores a partir dos 14 anos. O club organizador, o CX Fontecarmoa, ten xa asegurado un título feminino e opta a varios podios máis no cadro de honra do Circuíto Galego de Promoción.

A cita foi presentada onte no establecemento de restauración que patrocina a proba polo presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía de Arousa, Carlos Coira, acompañado de Ángel Vilas, representante da Federación Galega de Xadrez e do club organizador, e da xerente do local na zona portuaria, Patricia Cambeiro.

Coira salientou o feito de que Vilagarcía congregará esta derradeira fin de semana de novembro a máis dun milleiro de deportistas, ademais de acompañantes, entre as citas de xadrez e o Medio Maratón do domingo, «o que contribúe a dinamizar a vila fóra da tempada turística e resulta moi positivo tanto no ámbito deportivo coma no socioeconómico».

Tras a finalización do Open McDonalds, a Federación Galega de Xadrez iniciará, ás 20 horas no Auditorio de Vilagarcía, a súa gala de entrega de trofeos das diferentes categorías das Ligas Galegas de clubs, disputadas na primeira metade do ano, sucedéndose despois os gañadores da última proba do Circuíto Galego de Promoción e os da xeral deste.