Ravella impulsa as obras da casa da cultura de Cea e remata Galáns e Fontecarmoa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Centro social de Fontecarmoa, en Vilagarcía
Centro social de Fontecarmoa, en Vilagarcía MARTINA MISER

O Concello de Vilagarcía está a investir catro mil euros en cada unha destas tres instalacións

31 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía vén de rematar esta semana os traballos emprendidos na casa da cultura de Fontecarmoa, na que se investiron catro mil euros. A xunta de goberno adxudicounos a principios de mes, logo de detectar varios canlóns picados que provocaban filtracións no salón de actos. O departamento de Obras tamén rematou unha actuación en Galáns, cun orzamento semellante, que cambiou a fontanería e a electricidade, ademais de pintar e acondicionar unha dependencia coma cociña. De xeito paralelo, Ravella aprobou unha nova intervención, desta volta no centro sociocultural de Cea.

En Cea, Vilagarcía investirá outros catro mil euros na substitución dunha das baixantes, que tamén provoca problemas de humidades.

A concellería de Obras anuncia que nos próximos días tamén actuará na casa da cultura de Faxilde a través de 3.900 euros cos que arranxará a capa impermeabilizadora do teito, moi deteriorada, ademais de limpar as baixantes e os sumidoiros.

A rede municipal de centros socioculturais está formada por 17 instalacións nas que se congrega o groso das actividades lúdicas das parroquias. O goberno socialista renovou a principios de ano os convenios de colaboración coas asociacións veciñais, que reciben dous mil euros anuais para as tarefas de limpeza e apertura das instalacións.