Nosferatu, Pennywise, Annabelle... Vilagarcía reúne a maior exposición de monstros do cinema de Europa
VILAGARCÍA DE AROUSA
O festival Curtas ofrece unha mostra de produción propia e dotada da súa particular atmosfera durante os seus dez días de duración, que engade coma novidade aos moitos extras do programa que acompañan o pase de máis dun cento de curtametraxes e longos do xénero de terror e fantástico
23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Camiñar polos claustrofóbicos e funestos recunchos da nave Nostromo, atopando a recreación das escenas máis impactantes dese primeiro encontro da humanidade co alien, o oitavo pasaxeiro que ningún comandante querería atopar na súa nave. Multitude de gremlins e de critters mirando o persoal con cara de «vaia festín me vou dar contigo». Os monstros, e exposicións de temáticas como as mencionadas, son parte consubstancial ao Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa desde o xiro copernicano que o certame decano do audiovisual galego pegou hai dez anos baixo a dirección de Luis Miguel Rosales. Un protagonismo que a organización pretende elevar coa incorporación dunha mostra do máis granado entre as criaturas e personaxes do cinema de terror desde o seu nacemento nos albores silentes da sétima arte ata hoxe.
Dúas ducias de monstros recreados a tamaño orixinal que cobrarán vida no Salón García da capital arousá desde mañá ata o 2 de novembro. A maioría deles, perfectamente recoñecibles para todo tipo de públicos, instalados no máis profundo do imaxinario colectivo que desde hai máis dun cento de anos moldea a fábrica de soños e de pesadelos que é o cinema. De Nosferatu, o vampiro primixenio e carente de calquera rastro de romanticismo edulcorante levado ao celuloide polo mestre F.W. Murnau en 1922, ata a moderna Annabell, último expoñente do subxénero de bonecos diabólicos, pasando polo Pennywise co que Stephen King converteu a figura do pallaso terrorífico no moderno Home do Saco.
Un primeiro elenco do que a organización non adianta máis nomes, envolto nunha atmosfera emanada dun xogo de luz e de sons, e dalgunha sorpresa acorde á fama das criaturas que custodiarán a entrada á sala de proxeccións na que o festival vilagarcián proxectará máis dun cento de longos e de curtametraxes desde mañá e durante os seus dez días de duración. Algún dos protagonistas da mostra estará cruzando a porta para acompañar os espectadores na sala de butacas.
«Non hai unha exposición de monstros igual en toda Europa», declara o director do Curtas. «En España, o máis parecido pode ser o que ten o Museo de Cera de Madrid, pero nós temos máis figuras», di, e iso sen entrar na vida propia das que compoñen a mostra galega.
Esta é a primeira exposición de produción da casa feita pola organización da cita arousá, que, ademais de contar con algunha figura alugada e prestada, empregou os seus medios para construír varias delas, e que xa son parte do seu patrimonio.
A volta de calcetín que Luis Miguel Rosales e o seu equipo de entregados compañeiros de aventura lle deron ao antigo Certamen Audiovisual del Casino de Vilagarcía no 2015 empezou polo calendario. Desde entón, os dez días de programación do festival decano do audiovisual galego cabalgan entre o mes de outubro e novembro, de maneira que o programa sempre inclúa a noite do Samaín-Halloween. Considerado por primeira vez este ano como un dos 90 mellores certames de cinema de terror e fantástico do mundo pola publicación de referencia do xénero, Dread Central, o Curtas quere tirar da súa nova exposición para seguir facendo marca: «Somos un festival de cinema fantástico e o Halloween está dentro do noso adn. Penso que vai ser sorprendente», afirma Luis Miguel Rosales, que avanza que o Curtas dará á mostra continuidade nas vindeiras edicións, incorporando novos personaxes.
Ao outro lado da parede doutra exposición sobre os superheroes da Marvel e de cadansúa antoloxía das obras de Tomás Hijo e de Santipérez, a visita a Monstrorama, como así se chama o proxecto, é, como case o 100 % do programa do Curtas, gratuíta, tanto as proxeccións como a morea de clases maxistrais, obradoiros, feiras e ata un cinematográfico concerto final man a man coa Orquesta Clásica de Vigo.