O Cortegada recibe o Talenom Boet Mataró con Horford vendo o partido desde a grada

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A brasileira chegaba onte a Vilagarcía dúas semanas despois do inicio da Liga

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada regresa hoxe á competición. Tras a súa breve e feliz incursión na nova tempada da Liga Femenina 2, con vitoria practicamente sobre a bucina sobre o BF León, o conxunto que dirixe Manu Santos volve xogar no parqué do Pavillón Municipal Sara Gómez dúas semanas despois, e tras adiar á vindeira semana o seu primeiro compromiso coma visitante para unha dobre xornada en terras catalanas. O Talenom Boet Mataró é hoxe, desde as cinco da tarde, o rival na terceira xornada.

Con dúas derrotas chega o adversario do Cortegada ao choque desta tarde. A primeira, contundente, cun 61-39 na cancha do Horbisa Spirit Greenkw Barakaldo. A segunda, a pasada fin de semana na que o Mariscos Antón descansou, por un apertadísimo 69-71 diante do Maristas Coruña.

Manu Santos agarda do Talenom Boet Mataró, un dos cinco equipos que inda non foron quen de gañar tras dúas xornadas de competición, a un rival que «tenta correr, moi grande, veterano e con talento, sobre todo por dentro», coa pívot Queralt Coll sobresaíndo. «Non deixar que xogen ao ritmo que queren e nós xogar con dinamismo» son as claves achegadas polo técnico vilagarcián, que aproveitou o aprazamento da fin de semana pasada para seguir avanzando no acoplamento de Damaris Rodríguez e de Christabel Ezumah e para ir metendo no traballo de grupo por primeira semana completa a María Angulo, que hoxe estará dispoñible para Manu Santos logo permanecer lesionada desde a súa chegada a Vilagarcía. A que seguirá sen poder estrearse co Cortegada é a á-pívot brasileira Maira Horford, que tiña prevista a súa chegada á localidade vilagarciá onte a última hora da tarde. A interior deberá esmerarse por acelerar a súa adaptación ao equipo tras perder toda a pretempada e chegar á altura da terceira xornada por problemas coa tramitación do seu visado.