Persoal municipal emprende as obras de ampliación da rede de aguas pluviais na rúa da Coca

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

A intervención é a primeira dunha intenxa xeira de traballos que se desenvolverán ao longo de setembro

11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As obras de ampliación da rede de pluviais na rúa da Coca, en Vilagarcía de Arousa, arrancaron na mañá de onte para se prolongar durante unha semana. Os traballos, que corren a cargo do propio persoal municipal, céntranse nun tramo de cincuenta metros na zona da vía máis próxima á Laxe, no cruzamento coa rúa Arealonga. O obxectivo da intervención é resolver os problemas de acumulación de auga que se producen con chuvias intensas pola ausencia dun sistema adecuado de desaugue.

A actuación fora acordada a comezos de ano tras unha reunión celebrada no propio barrio entre o goberno local e as asociacións veciñais do entorno das Carolinas. Ese encontro enmárcase na rolda de visitas impulsada polo alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Obras, José María González, cos colectivos cidadáns. «É unha forma de xestión directa na que escoitamos, planificamos e damos a mellor resposta aos nosos veciños», subliñou o rexedor socialista.

O executivo municipal lembra, ao fía destes traballos, que setembro vai ser un mes de gran actividade en materia de infraestruturas, con varias actuacións en marcha ou a piques de seren licitadas. Destacan a ampliación do saneamento no Carril (avenida Rosalía de Castro), nos Duráns (rúa Vilar Ponte), na Torre de Guillán-Bernardas e en Muíños de Cea, esta última prevista para adxudicarse en outubro. O conxunto destas obras supón un investimento próximo aos catrocentos mil euros.