Carril comeza a conta atrás para a celebración dos trinta anos da Festa da Ameixa
VILAGARCÍA DE AROUSA
Os vales para as racións xa están á venda na web municipal
06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A tempada estival pasa cada vez máis rápido e esta fin de semana chega a Vilagarcía a Festa da Ameixa. O produto de Carril será agasallado coa súa propia celebración de interese turístico nacional no marco do programa de San Roque.
Tendo en conta a asistencia doutros anos, desta volta búscase facilitar o acceso e axilizar a xestión e venda dos tíckets. Para iso, dende a organización decidiron poñer os vales a disposición do público, para quen prefira mercalos con antelación. Tamén estarán dispoñibles na praza de Galicia o vindeiro sábado, de 10 a 12 horas. Ademais dende onte é ata o venres ao mediodía, poden atopar todas as propostas gastronómicas a disposición a través da web municipal. O prezos das racións son de 12 euros no caso das ameixas á mariñeira, mentres que a paella que se servirá o sábado custará 5 euros. En canto ás bebidas, o viño Albariño de Viña Cartín ten un custo de 12 euros, a cervexa ou refresco 2.50 euros e a auga, 1.50 euros.
A novidade desta edición é que, co gallo dos trinta anos da festa, ampliouse o programa a toda a fin de semana. O sábado pola tarde, ás 17 horas, a ría terá o protagonismo ao actuar como a anfitrioa dunha regata de Vela Latina. Logo, degustación da paella da man do cociñeiro Miguel Mosteiro e nos altofalantes, D'Crooners Band, grupo que porá son á velada. Finalmente, para concluír o primeiro día, ás 21.30 horas, entregaranse os premios do II Concurso de Fotografía da Ameixa.
O domingo 10, a partir das 11.30 horas as rúas encheranse de enerxía e alegría coa música de Xirifeiros, Airiños do Carril e Brisas do río Ulla. Ás 12 horas daráselle inicio oficial a festa cando o humorista Carlos Blanco dea lectura ao pregón. Posteriormente, farase entrega de recoñecementos, seguida da actuación de Cristian Silva. O prato forte chega á mesa a partir das 12.30 horas, ata esgotar existencias. A música do evento estará a cargo de Pablo Balseiro and The Verbenian Orquestra.
Alberto Varela, o alcalde, dixo que van ser uns días «para enchernos de orgullo e presumir do Carril e do seu produto, unha referencia nacional e internacional». Cunha previsión de venda de uns 3.000 quilos de ameixa xapónica —ou 8.500 racións—, a festa promete ser todo un éxito.