Folk do Alobre volve a finais de agosto para celebrar a identidade
VILAGARCÍA DE AROUSA
A romaría popular preséntase no parque Enrique Valdés Bermejo cunha proposta que reúne música, gastronomía e máis actividades
05 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No marco do selo VGA 365, o calendario estival continúa presentando actividades para o público en Vilagarcía. Onte foi a quenda do Folk do Alobre, unha festa que combina historia, música e tradición no centro da cidade. Como xa é tradición, o parque Enrique Valdés Bermejo será o escenario da xornada do 31 de agosto. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, introducía o evento que «pon o colofón ao mes de agosto» destacando o traballo da organización, Pés de Barro. Daniel Abad, secretario da asociación, transmitiu que Folk no Alobre «é un proxecto que aposta pola difusión do galego como lingua do evento. Non é so un festival, é unha celebración da nosa identidade, da lingua e da memoria colectiva». Pola súa parte, Outón tamén fixo unha mención ao valor que se lle dará ás pandeireteiras e ao compromiso medioambiental porque «todo queda máis limpo cando remata o festival».
A festa comezará ás 11 horas cun percorrido dende a praza de Ravella ata o Valdés Bermejo. Xurxo Souto acompañará a visita é fará de guía «comentando a historia de Vilagarcía relacionada co Castro», explicou Abad. A ruta estará ambientada polo grupo tradicional Os Demos da Petaca e Guía. Ás 13 horas, presentaranse Armadanzas (Montse Rivera e Mercedes Prieto), cunha sesión vermú ao ritmo do espectáculo Bailando coa Lingua. Os asistentes «van gozar coas pezas do repertorio tradicional da nosa terra», adiantou Abad. Despois desenvolverase o Xantar de Morado onde haberá un food truck para quen queira mercar comida e bebida. Tres horas despois, continúa o programa cun obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego solto a cargo dunha bailadora mestre cunha longa traxectoria neste eido, Rosa do Pombal.
Ás 18 é hora dos concertos. As pandereteiras de Pés de Barro estrearán as táboas, seguidas de Os Demos da Petaca, un grupo que leva «vinte anos traballando, recollendo e interpretando música tradicional galega», remarcou Abad. Á música continúa co dúo Abril, de Claudia Abril e Marina Carpente, adaptando as melodías galegas e ibéricas á sonoridade actual. Logo, cun repertorio festivo e versións como Pirimpimpim, tocará Mavela, un grupo de folk galego creado por un curso de canto popular. O peche da festa estará ao cargo de Davide Salvado e Fransy González, cunha «viaxe a alma da tradición galega, construída unicamente con voces e percusión», di Abad.
Todas ás actividades son de balde, non requiren reserva e poden unirse en calquera momento. En palabras do alcalde Alberto Varela, trátase dunha romaría popular na que «gozar do baile e a música galega, dos teus amigos e da túa familia xantando nunha contorna privilexiada».