O gusto de «ver cine na rúa e baixo as estrelas» en Vilagarcía
VILAGARCÍA DE AROUSA
Ravella proxectará 14 películas na cidade e nas parroquias
09 jul 2025 . Actualizado a las 12:13 h.O ciclo de cine Fantasio na Rúa volve un ano máis a Vilagarcía de Arousa. As entradas son de balde e Antes de Nós será o filme encargado de inaugurar o ciclo o 13 de xullo. O obxectivo de Fantasio na Rúa é acercar o cine as zonas máis familiares. É por iso que dende os últimos anos as proxección non só se fan no centro da cidade, senón que tamén chegará ás parroquias.
As películas son as máis actuais posibles, tendo en conta que, por dereitos, sempre hai que esperar a que os filmes estean no mercado. A pesar disto este ano hai unha excepción no caso de Antes de nós, que trata dous momentos vitais da vida de Castelao e a súa muller Virxina. O filme aínda se pode ver nos cines, pero gracias a un acordo coa produtora os vilagarciáns poderán vela o 13 de xullo ás dez e media da noite. Ademais, este filme proxectarase nunha nova localización do Fantasio na Rúa, no Castro de Alobre.
Ao cartel súmanse outras 13 películas: Amigos Imaginarios, que se poderá ver o 15 de xullo en Ravella ás 22.30 horas; Wallace y Gromit: La venganza se sirve con plumas, o mércores 16 ás 20.30 horas; Amor de madre, o sábado 26 en Trabanca Badiña ás dez da noite; Kung Fu Panda 4, en Rubiáns ou The Marvels o 4 de agosto no parque da Coca ás 20.30 horas, entre outros filmes.
Un dos responsables do Fantasio na Rúa, Xoán Mariño, destaca o carácter familiar do evento e o agradecido que é poder ver cine na rúa, baixo as estrelas e acompañado «de palomitas cando se poida». Este ano o evento colabora coa Asociación Española Contra o Cancro que contará, en algunhas ocasións, cun posto de información.
O ciclo de Fantasio na Rúa contou con ata 2.000 espectadores na edición pasada. Hai que ter en conta que isto ocorre nun concello que ten a sorte de ter cine, algo que non ocorre en moitas localidades galegas. «Nos últimos anos cambiou moito a forma de consumir as historias e nas grandes cidades hai cines, pero non na España baleira», comentaba Xoán Mariño.