O CNS Vilagarcía, terceiro mellor equipo júnior masculino no Spanish Open de salvamento
VILAGARCÍA DE AROUSA
Sumou cinco podios individuais e en relevos
10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Club Natación e Salvamento Vilagarcía deu un novo paso adiante na consolidación do seu nome como unha das entidades emerxentes no panorama do salvamento español. Cunha medalla de bronce na clasificación por equipos júnior masculinos da décimo terceira edición do Spanish Open celebrado en Torrevieja, Alacante. Unha prestixiosa proba disputada no marco dunha cita tres en un, co XXXIX Campionato de España Xuvenil, Júnior e Absoluto de Primavera e coa sexta Copa de Europa de Piscina dilucidándose en paralelo.
Ademais do podio júnior masculino, o club arousán volveu de Torrevieja con cinco medallas individuais e en probas por equipos. Á fronte de todos estes resultados, a actuación do júnior Yago Vicente, medalla de prata nos 200 metros obstáculos na primeira das tres xornadas do Spanish Open, con nova mellor marca galega incluída, bronce nos 50 metros remolque maniquí no segundo día e bronce tamén na final de 100 metros combinada na xornada de clausura.
O CNS Vilagarcía celebrou ademais a prata do relevo feminino do 4x50 metros obstáculos formado por Naira Abalo, por Mariña Cores, por Noemí Espada e por Irene González, podio selado co novo récord de Galicia da proba. Pedro Costa, Hugo González, Anxo Tourís e Yago Vicente fixéronse co mesmo metal no relevo de 4x25 metros remolque maniquí e, como as súas compañeiras, establecendo o novo rexistro galego de referencia.
Ademais dos anteriores, formaron parte da expedición do CNS Vilagarcía á gran cita de Torrevieja Xoel Castro, Damián Lage e Laura Touceda. O club foi ademais quinto mellor equipo júnior e quinto mellor equipo xuvenil feminino.