Vilagarcía acollerá o 5 de maio o Campionato Galego de Tríatlon Contrarreloxio por Equipos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Vilaxoán será o epicentro da proba, que contará con 81 escadras

28 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilagarcía de Arousa volveu ser escollida outro ano pola federación autonómica como escenario do Campionato Galego de Tríatlon Contrarreloxio por Equipos. A cita, que chega á súa décimo terceira edición, disputaráse o vindeiro domingo, 5 de maio, con 81 equipos inscritos nas súas tres categorías, absoluta, open e escolar.

Organizado pola Fundación Municipal de Deportes da capital arousá, o evento deportivo terá o seu epicentro en Vilaxoán. Será no seu peirao no que arrinque o campionato autonómico coa disputa do segmento a nado e onde se fixará a liña de saída e de chegada dos dous segmentos restantes, o de carreira ciclista e a pé.

O venres concluía o prazo de inscrición no Campionato Galego de Tríatlon Contarreloxio por Equipos, que na súa categoría absoluta contará coa participación de 26 escadras masculinas e 8 femininas. Na categoría open haberá outros tantos equipos masculinos e dous femininos, aos que se suman dez de nenos e nove de nenas na categoría escolar.

As distancias variarán en función da categoría. Na dos máis novos, os triatletas deberán cubrir 300 metros a nado, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pé. Nas dúas categoría séniores as distancias vanse aos 750 metros na auga de Vilaxoán, aos 20 quilómetros de pedaleo e aos 5 quilómetros finais correndo.

O circuíto

Completado o segmento a nada, o circuíto ciclista comezará na transición situada na explanada da rúa Preguntoiro para continuar pola rúa do Peirao e xirar á esquerda por Avelina Nogueira. As rúas Víctor Pita e Valle Inclán marcarán a parte final do trazado ata o punto de retorno, situado á altura da rúa Alexandre Bóveda, xa en Vilagarcía de Arousa, para volver en sentido inverso. Na categoría absoluta, a carreira a pé contará con dúas voltas a un circuíto con partida na zona de transición ata o punto de retorno, regresando polo mesmo peirao e continuando pola rúa Preguntoiro ata o final da mesma.