A Feira Portugalega organizada polo alumnado do Castro Alobre enche o Espazo Xove de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Dous alumnos do centro dirixiron un obradoiro sobre o uso da intelixencia artificial (IA)

26 abr 2024 . Actualizado a las 13:49 h.

O Espazo Xove de Vilagarcía de Arousa encheuse onte pola tarde de vida. Alumnado do IES Castro Alobre organizou alí, coa axuda da profesora Marisa, a terceira Feira Portugalega, un evento que serve para tender pontes entre o estudantado —o que xa está no centro, o que estivo e o que aínda está por chegar—, o profesorado e mesmo as familias.

As actividades difundíronse por todo o edificio. Na planta baixa, un grupo xogaba ao FIFA con equipas de Portugal. Máis arriba, no mesmo andar no que a primeira hora dous alumnos deron un curso sobre o uso da IA na difusión da literatura galega e portuguesa —boa parte do seu alumando eran mestres—, había un xogo para aprender a dicir en portugués algunhas palabras de uso estendido entre a mocidade, e un futbolín que, ademais de servir para botar boas partidas, servía como escusa para aprender o nome que recibe o invento de Alexandre de Fisterra en diversos lugares do mundo. No terceiro andar, unha saborosa proposta: un obradoiro de cociña no que se elaboraban dúas sobremesas que a rapazada ía poder degustar despois. Varias exposicións e concursos completaban o programa, que foi deseñado polo alumnado. Quizais por iso, a sesión foi un rotundo éxito de público.