O Arousa recibe a un Polvorín descabezado co terceiro posto fixo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A derrota onte da U.D. Ourense ante o Gran Peña Celta C, 0-2, garántelle ao Arousa repetir por segunda semana consecutiva no terceiro posto da clasificación do grupo galego da Terceira R.F.E.F. Tamén lle brinda unha excelente oportunidade de ampliar os méritos para asegurala de cara ao final do campionato, recibindo esta tarde no estadio municipal da Lomba (17 horas) a un modesto e descabezado Polvorín. 

O filial do C.D. Lugo perdeu esta semana o seu adestrador, Roberto Trashorras, ascendido polo presidente do club ao banco do conxunto da Primeira R.F.E.F. Un movemento sen réplica á fronte do segundo equipo, que visita Vilagarcía dirixido polo técnico da canteira luguesa David Morilla.

Sexto pola cola da clasificación con 24 puntos, só 3 por riba da zona de descenso, o Polvorín faille pensar ao adestrador do Arousa, Luisito Míguez, que o seu equipo terá hoxe un «partido muy complicado, ante un filial auténtico, que es capaz de lo mejor y lo peor». Con Borja Míguez, con Martín Diz, con Javi Pereira e con Pacheco tocados, o de Teo subliña que «queremos quedarnos con los 3 puntos porque nos costó muchísimo, muchísimo, una vuelta entera, llegar al tercer puesto».

Derrota dos xuvenís

Onte ao mediodía, o Arousa de División Honor Juvenil caeu 1-2 ante o Compos. Mario adiantou os visitantes en Zacande no minuto 11, Noel puxo o 1-1 no 24 pero Marco aproveitou xusto antes do descanso un desaxuste defensivo para anotar o 1-2 final.