O rincón vexetal

Luciano Martínez TRIBUNA PÚBLICA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Onde é que están as árbores? Dende hai un tempo a esta parte, as nosas autoridades esqueceron que a humanización urbanística vai inexorablemente acompañada dunha vexetación perdurable no tempo

30 ene 2023 . Actualizado a las 21:04 h.

O pulmón lúdico do casco urbano de Vilagarcía é sen dúbida o Castro Alobre. Xardíns medianos, pequenos e micros hainos a feixes por todo o pobo. Seguindo con iso, falemos do proceso de humanización vexetal na vila: das rúas peonís, dos novos carrís bicis e en xeneral das actuacións urbanísticas realizadas nese senso... Este proceso encheu o pobo de grandes extensións de cemento e tubaxes de rega, pero cun moi deficiente criterio humanista. Por descoñecemento de paisaxismo urbano?

Onde é que están as árbores? Dende hai un tempo a esta parte, as nosas autoridades esqueceron que a humanización urbanística vai inexorablemente acompañada dunha vexetación perdurable no tempo. «Desde Carril a Vilaxóan a carreiriña dun can» dicían-diciamos daquela os promotores do carril bici. Pois en toda esa extensa fronte marítima, uns dos espazos mais marabillosos desta vila á beira do mar, ás árbores non teñen o protagonismo que terían que ter ou foron aniquiladas. ¿Chegan unhas xardineiras cunhas oliveiras cortadiñas ao redondo?

Nas rúas peonís esquecéronse das árbores: agora mandan as xardineiras, onde o material vexetal ten que ser renovado unha e outra vez. As raras exemplares arbóreas que teño visto tiñan que ter sido rexeitadas, aínda que foran de saldo, pois os defectos que presentan dan conta do estrés que padeceron no viveiro. E ese é un caso frecuente, por desgraza.

Na nova actuación desde a praza de Galicia ata o mercado non se pon unha soa árbore, mais elévase medio metro unha infraestrutura que se ten que encher de terra. E énchese de xabre, substrato inerte, sen un mínimo de materia orgánica nin minerais para as plantas que alí se poñan. Logo o mar de tubaxes de goma para á rega, que non para fertilizar... ¿Qué pode crecer nese deserto? Só malas herbas, é o seu. Para vestir as xardineiras, puxéronse aquí e acolá parterres de cactos!, que podrecerán coa chuvia antes da primavera; tepes verdiños e carísimos, como si fose un xardín milagroso, e que a falta dun moi coidadoso mantemento esmorecerán como acontece cos que se reutilizan do Nadal.

Non teño visto a ningún aprendiz dos obradoiros de xardinería que se teñen feito, co cal me da no nariz que non temos un viveiro municipal, non si?