O Arousa presenta as súas equipacións de Segunda R.F.E.F.

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

02 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres semanas o Arousa fixera público o deseño das novas equipacións do primeiro equipo para a tempada 2021/22, a primeira na que xogará por riba da Tercera División e na que pasará a formar parte da listaxe de conxuntos que disputaron a primeira edición da Liga de Segunda División R.F.E.F. Onte o club vilagarcián puido presentar en sociedade as diferentes versións das casacas coas que os homes de Jorge Otero sairán competir a partir deste sábado.

No céspede da Lomba, Julio Rey, Manu Táboas e Cotilla exerceron de modelos. Táboas para lucir a vestimenta dos defensores baixo paus da portería vilagarciá, deixando a Julio Rey a última versión da camiseta titular arlequinada en branco e vermello e co lateral portando a segunda indumentaria, que recorda moito á casaca do novo capo do fútbol mundial, o Paris Saint Germain de Messi, de Neymar e de Mbappé.

Noutra orde de cousas, a nutricionista do Arousa, Marta Costa, impartiulles esta semana aos xogadores do primeiro equipo unha charla na que lles trasladou consellos para mellorar o seu rendemento a través da alimentación. Tamén lles pautou o menú e os horarios de comida nos días de partido e ensinoulles a identificar azúcares agochados nos etiquetados.