O cuarteto de saxofóns Ardemus, no ClasClás

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

El cuarteto de saxofón Ardemus
El cuarteto de saxofón Ardemus Medina Resic

A cita será na praza da Peixería, a partir das nove

30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A música clásica, interpretada por artistas do máximo nivel, segue a encher Vilagarcía da man do ClasClás. Este mércores, a partir das nove da noite, a praza da Peixería encherase cos sons do cuarteto de saxofóns Ardemus, chegado dende os Países Baixos. A entrada para asistir a este recital é de balde, ata completar o aforo, pero é preciso reservar a entrada con anterioridade en woutick.es.

O currículo do cuarteto protagonista da xornada é longo e cheo de prestixio. Finalista do premio Dutch Classical Talent Award do ano 2018, o Ardemus Quartet forxouse a partir da súa paixón pola música de cámara. Tres músicas e un músico, din dende a organización do ClasClás, combínanse á perfección «para crear unha experiencia musical refrescante». O cuarteto actúa habitualmente nos Países Baixos pero ten realizado concertos por toda Europa e teñen participado como convidados en numerosos e prestixiosos festivais. Ademais, a formación ten obtido notables éxitos en diversos concursos internacionais, como o Boris Papandopulo en Zagreb (2015) ou o Grachtenfestival en Amsterdam (2016).

Malia térense formando no 2014, aínda foi en maio de 2019 cando o Ardemus Quartet lanzou o seu cedé de debut, Traces, publicado por con Cobra Records.

Pero o programa do ClasClás vai moito máis alá dos concertos que se están a desenvolver na Peixería.

O festival internacional de música clásica inclúe cursos e formacións. E nese sentido, cómpre destacar que quince alumnos de cinco dos máis prestixiosos centros musicais de España empezaron a recibir onte as masterclasses impartidas polo Trío Guarneri de Praga, que inaugurou o certame de música clásica de Vilagarcía.

As clases desenvólvense no auditorio da capital arousá ata o vindeiro xoves, en horario intensivo de mañá -de 10 a 13 horas-.

O programa de formación do Clasclás 2021 rematará o venres cun concerto que ofrecerán os cinco tríos que participan nas masterclasses.