Baloncesto
Da readaptación do C.B. Vilagarcía á semana de espera do CLB ou do Xuven. O baloncesto é un dos deportes con competicións autonómicas en marcha en todas as súas categorías, desde hai un par de meses. Os responsables do CLB, un dos maiores proxectos de canteira do baloncesto galego, e do Xuven Cambados decidiron parar unha semana os adestramentos ata, din, a próxima revisión da situación epidemiolóxica do comité clínico galego o vindeiro martes. O C.B. Vilagarcía, pola contra, xa se puxo en contacto coa Fundación de Deportes de Vilagarcía para solicitarlle máis horas de pista a fin de poder continuar cos adestramentos de todos os seus deportistas cumprindo coa nova limitación de grupos de non máis de catro persoas.
Outros deportes
Desde canteiras paralizadas por enteiro a outras que seguirán como poidan. O Asmubal Meaño víuse na obriga de mandar a casa a case un cento de balonmanistas de nove equipos, seis xa en competición, incluído o seu sénior masculino de Primeira Galega. O mesmo fixo o Club Remo Vilaxoán coa súa trintena de canteiráns e cos remeiros da súa traíña ou o XAV Cambados de voleibol coas súas 60 xogadoras, neste último caso en principio tres semanas, todas en competición agás as benxamíns e alevíns. No piragüismo, entidades como o As Torres-Romaría Vikinga ou o Náutico O Muíño tiveron que facer o propio cos máis cativos, continuando cos adestramentos dos xuvenís e dos séniores, a primeira, e de infantís para arriba a de Ribadumia, por haber desde esta última competicións nacionais. Outros clubs, como a Mazí de atletismo ou o Vilarousa de ximnasia rítmica están a consultar coa Fundación de Vilagarcía a fin de reestruturar os seus grupos de deportistas para poder seguir adestrando.