O directivo di que hai que acabar aínda que sexa xogando tamén os mércores ou no verán
13 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Manolo Abalo leva dez tempadas na presidencia do Arousa. Os primeiros anos foron duros, co club asfixiado polas débedas e transitando pola Preferente. Este, non lle queda atrás. Non pola situación deportiva, a mellor dende hai décadas, pero tocou pelexar co exilio obrigado de moitos meses polas obras na Lomba, co xuízo polo caso de Pepe el Utillero e agora con este obrigado parón
-Antes de nada hai que falar da situación persoal. ¿Como o leva?
-Xa estou xubilado. Son a muller e a filla as que levan a empresa. Está activa pero andará a un 40 %. Todos terán que sacrificarse e no noso caso os empregados en lugar de ter os 30 días de vacacións en agosto, irán collendo agora porque moitas empresas terán que traballar nos meses do verán para axudar a recuperar a economía de todos.
-E o club, ¿como está?
-Estamos facendo pouco máis que nada. Acción solidarias. Levantamos o teléfono e falamos con algunhas das empresas que colaboran con nós. Fano todo eles. Nos poñemos o teléfono e pouco máis. Empresas que nos daban produtos para os torneos que tiñamos preparados e que foron doados a Cáritas.
-E os xogadores, ¿como o levan?
-Están traballando pola súa conta, facendo todo o que poden ou mais, e os adestradores mirando partidos. Todos ben de saúde, que é o que mais nos interesa.
-¿Como van as contas?
-A tempada está a ser complicadísima. Se non chega a ser pola axuda da federación seguramente non existiriamos porque houbo que pedir cartos para pagar o problema xudicial (refírese o caso de Pepe El Utillero). Tivemos que pedir unha póliza de crédito. Pero tamén é verdade que Vilagarcía, e xogar na Lomba, conta moito e os xogadores veñen cobrando menos e temos un gran equipo grazas a iso.
-¿Está todo parado ou hai conversas coa federación ou cos clubs?
-O luns (por hoxe) estamos citados todos os clubs de Terceira para ver como podemos facer.
-Semella que o Arousa está gafado con iso do «play off». Este ano, que parecía que podía ser, está a pasarlle de todo
-A verdade é que non temos moita sorte como club, pero espero que se poida seguir. Se non é en maio e xuño, que sexa en xullo e agosto, que poidamos terminar a temporada e xogar ese play off tan ansiado. Sobre todo polo que dicía antes, para que as empresas e a afección, que tanto leva sufrido este ano, neses dous meses poida pasalo ben co equipo e no estadio da Lomba.
-¿Partidario de acabar a Liga, xa que logo?
-Si. Eu entendo que si. Tamén entendo que haberá equipos en determinadas situacións que estarán desexando que se anule, pero as Ligas teñen que terminar, ten que haber ascensos e descensos e ten que planificarse a vindeira tempada. Penso que a maioría dos clubs queren terminar. E se para a vindeira tempada hai que cambiar o formato, ou hai que comezar en setembro ou outubro, pois sería o máis razoable. Non me parece lóxico que unhas empresas que pagaron os seus patrocinios, ou os socios, pois que lle anules parte da tempada. Porque, poñéndonos no peor dos casos, eles tamén poderían reclamar os cartos. Pagaron un carné e non gozaron de el. Estou seguro que no noso club, o 50 ou 60 % dos socios non o pasaron como eles quixeran. Por todo iso deberiamos ser conscientes de que a tempada debería rematar.
-Semella complicado. Hai que contar co que pase fora de Galicia.
-Xa. Depende da situación. Nalgún dos grupos de Terceira o mellor mírano doutro xeito, pero penso que a maioría, segundo o que escoito a nivel federativo, quere rematar a tempada. Outra cousa é que de Terceira para abaixo haxa cambios, pero tanto na 2.ª B como na Terceira a idea é rematar.
-Isto implicaría xogar entre semana, probablemente. ¿É factible?
-Nos, se temos a sorte de poder contar ca Lomba, non teriamos problema. Podería haber algún campo con problemas para xogar os mércores pola iluminación, pero poden ser un ou dous como moito. A idea é esa, poder xogar mércores ou xoves algunha xornada para adiantar. Iso está na cabeza de todo o mundo. E o que se fala. Ou xogar sen público algún partido, aínda que a nós, na nosa situación, xogar sen público prexudicaríanos
-¿Fálase dalgunha data límite para comezar?
-Esperemos que quince días despois de empezar a adestrar, aínda que se adestre gardando as distancias. O primeiro que hai que facer é mirar pola saúde, pero claro que hai que ir xa mirando as datas. Penso que se pensa no 28 de xuño para empezar a xogar. Polo tanto, para empezar a adestrar sería a mediados de xuño, pero o primeiro que hai que mirar é pola saúde. E se non remata en agosto, rematará en setembro. Primeiro coidarnos e despois pasalo ben.
-O Arousa ten a Pedro Beda en Brasil...
-Si, pero non hai problema. Falei con el hai cinco ou seis días. Pediu permiso para ir para alá e estar ca familia. No momento que todo isto levante, ven para aquí pero embalado.
O amigable do Celta condenou o equipo o exilio, pero Abalo pensa que pagou a pena
Cada tempada, unha sorpresa. Na pasada, a gravísima lesión de Sidibe, chamado a ser un dos homes destacados do equipo. Nesta, os problemas multiplicáronse. Á marxe do embrollo xudicial, solucionado xa en parte, chegou o exilio. O Concello tiña planificado cambiar a cuberta da grada de Preferencia aproveitando o parón da competición, pero xurdiu a posibilidade de que o Celta xogara na Lomba un amigable co Lille francés. O Arousa decidiu arriscar a pasar unhas xornadas no exilio a cambio dunha boa recadación. Todo ía ben. O partido foi un éxito e o céspede quedou como nunca. Ata que todo foi a peor. O céspede, e o exilio. Máis longo, moito máis, do que se agardaba. Abalo di que non se arrepinte de ter tomada aquela decisión, pese a todo o que ten pasado nos últimos meses. E a obra, sen rematar.
-Non está a ser unha tempada doada...
-A verdade é que este ano pouco lle puidemos dar os nosos seareiros de máis idade por non poder xogar na Lomba. Á xente maior desprazarse a Vilaxoán cústalle. E cos patrocinadores tampouco estamos cumprindo. Agardamos que se retome e que teñamos a sorte de acadar ese play off e devolverlle algo, para que poidamos ver a súa publicidade no campo, a poder ser con televisión.
-Agora e máis doado falar. ¿Arrepíntese dese amigable do Celta vendo o que pasou?
-Sempre paga a pena. Houbo unha moi boa entrada, pero unha vez que houbo que repartir os cartos con Lille non quedou moita cantidade. O noso principal sustento son os patrocinadores e os socios porque nas axudas municipais pouco levamos, cando clubs doutras localidades levan 40.000, 50.000 ou 90.000 euros. Eu entendo que se levamos ca grada así varios meses, e se estaba o material no taller como dixeron, penso, nun pleno, aínda que se fixera no verán nos dous ou tres primeiros meses de LIga tampouco teríamos xogado na Lomba e a situación sería practicamente a mesma. Entón, non, non estou arrepentido. Estou orgulloso de que se xogara aquel partido. Á xente gustoulle e o club sacou unha boa recadación. E tamén serviu para ver que o campo da Lomba pode estar en moi boas condicións se todos poñemos un pouquiño da nosa parte. Penso que fixemos o correcto. Agardo que cando volvamos, se é que volvemos, o campo estea no mellor estado posible.