Na busca da identidade dun pobo

r.e.

VILAGARCÍA DE AROUSA

XUNTA

A compañía Butaca Zero e o Centro Dramático Galego coproducen #Camiños, unha peza de teatro que este sábado aterra en Vilagarcía

30 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado • 21 horas • Auditorio de Vilagarcía • 5 euros • A compañía Butaca Zero e o Centro Dramático Galego coproducen #Camiños, unha peza de teatro que este sábado aterra en Vilagarcía. Trátase dunha peza que mestura «o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual, o playback coa pasarela de moda nun aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente». Sobre o escenario, promesa de sorpresas, como a da actuación en directo das Churrascas, a formación autora da versión electrónica do Adios Ríos, Adios Fontes, de Rosalía de Castro que xa se ten convertido en todo un hit musical en Youtube. 

#Camiños pretende bucear na memoria colectiva dos galegos. Do que fumos, do que somos, do que queremos ser. Quizabes contestar á primeira das preguntas poida parecer doado. Pero as dúas seguintes son complexas. «Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade?». A reflexión non sobra: boa falta nos fai pensar un pouco neste asunto. De momento, apunten a cita: sábado, 21 horas, auditorio de Vilagarcía.