O Arousana evita o último posto pese a ver anulados catro tantos en Cantabria

Punto final a unha negra tempada de regreso á Segunda División


vilagarcía / la voz

Punto final a unha negra tempada de regreso á Segunda División do Atlético Arousana. Cunha raiola de sol no seu encontro de despedida, o pasado domingo en terras cántabras no campo do C.D. Oceja. O seu empate a uns permitíulles ás pupilas de Nando González permutar postos co seu derradeiro rival, endosándolle ao C.D. Oceja a condición de pechacancelas do Grupo 1 da categoría de prata do balompé feminino español, polo penúltimo posto do cadro vilagarcián cos seus mesmos 2 triunfos, 3 empates e 21 derrotas ao longo do curso 2018/19.

Míriam Señoráns, Miri, asinou no minuto 39 o único dos cinco goles do Atlético Arousana validados no encontro polo colexiado cántabro José María Zubillaga. Os outros catro, comentaba onte a capitana do equipo, Carolina Baños, foron anulados polo árbitro por fóra de xogo. Ademais, engade a centrocampista, «hubo un penalti que pitó como libre indirecto. Nunca tal vi», exclama. Ou máis ben si. Porque, nunha queixa recorrente do Atlético Arousana desde practicamente o seus inicios no segundo chanzo do balompé hispano, Caro recuperaba o seu comentario de «cosas que pasan fuera de casa».

Concluído o campionato regular, eliminado da Copa Deputación polo Umia de Primeira Autonómica e con a lo menos tres partidos máis por diante nunha Copa da Liga na que segue ben vivo, no Atlético Arousana toca facer balance. E Carolina Baños fala de «temporada difícil, en la que pudimos haber hecho más». Sobre todo, non rematar como o equipo máis goleado, con diferenza, cunha media próxima aos cinco tantos encaixados por xornada. «Las cosas no salieron», di a capitana e directiva do club, sobre todo, salienta, polo capítulo de lesións, que lastrou un cadro de persoal demasiado reducido para afrontar con garantías as esixencias do regreso á Segunda División, con tan só 18 xogadoras e algunha delas lesionada de longa duración de inicio.

Ademais, desde o club vilagarcián recórdase a presenza no seu grupo de equipos do nivel do Racing de Santander, do Deportivo da Coruña ou do Oviedo, e detalles como que «no hemos tenido ningún penalti a favor en toda la temporada». Con todo, Carolina Baños déixao claro: «No hay excusas» para un exercicio tan pobre. E tómase nota no club.

Traballando no vindeiro proxecto

Nesta liña, a directiva do Atlético Arousana leva xa semanas traballando na confección do seu vindeiro proxecto deportivo, sobre a base da reestruturación do fútbol feminino español, coa Segunda División pasando de categoría de prata a bronce no curso 2019/20. Así, ademais de ter anunciado xa o primeiro reforzo, Bárbara, dianteira de segunda liña procedente do Miudas da Segunda Autonómica, os responsables do Atlético Arousana teñen avanzada a incorporación de quen deberá dirixir a bo porto o equipo a vindeira campaña. Un obxectivo para o que se porá nas súas mans un cadro de persoal máis numeroso, dunhas 20 xogadoras.

CD Oceja (1): Mírian, Ángela (María, min 89), Alexandra, Aída, Ana Belén, May, Maylis (Raquel, min 76), Ginebra, Jenayra, Soraya e Rocío (Paula, min 64).

Atlético Arousana (1): Tania, Carla Moital (Laura, min 65), María Arufe, Carla Falcón, Caro (Romina, min 53), Bárbara (Marta, min 61), Zai, Miri, Sara (Irene, min 71), Ana González e Belén.

Goles: 1-0, min 19: Ana Belén. 1-1, min 39: Miri.

Árbitro e tarxetas: José María Zubillaga (Colexio Cántabro). Amonestou a xogadora local May e o seu adestrador, Pedro Piñero, e as futbolistas visitantes Carla Falcón e Zai.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousana evita o último posto pese a ver anulados catro tantos en Cantabria