Cambados e Vilagarcía procuran a salvación a dúas marchas distintas

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Tenis de Mesa O cadro capitalino pretende encarrilar a permanencia pola vía rápida no inicio da segunda volta; o veciño, pelexala ata o final

12 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de Superdivisión de tenis de mesa reiníciase tras tres semanas de parón navideño. Cos seus doce equipos iniciando a segunda volta, ben é certo, con cinco deles, incluído o Cambados T.M., pendentes inda de dirimir un partido da primeira -no caso do Cajasur Priego T.M., segundo na clasificación, dous-.

Os dous conxuntos arousáns que compiten na máxima categoría española miran o horizonte co reto de evitar as dúas últimas prazas, que condenarán os seus ocupantes a xogar na División de Honra a vindeira tempada. Unha delas, a que pecha a táboa, ocupada hoxe polo Vilagarcía T.M. con 3 puntos, 1 menos có Visit Pontevedra e 2 por debaixo do Cambados T.M., antepenúltimo. Vilagarcía e Cambados aspiran a saír airosos da empresa, se ben a dúas velocidades ben diferentes.

O cadro capitalino recibirá mañá domingo ás 11 no pavillón da rúa Castelao nada menos co Arteal T.M., líder da competición. Con todo, o responsable do Vilagarcía T.M., Antonio Castro, nin moito menos descarta comezar aquí o rápido ascenso que pretende ver por parte do seu equipo, tras o vencemento da sanción federativa que lles impedía competir aos seus dous xogadores franquicia. Co belga Jeam Lauric e co checo Michal Obeslo confirmados por Castro nas aliñacións dos catro próximos compromisos ligueiros do Vilagarcía T.M. Isto é, o do Arteal, e os que xogará despois en Burgos, co Vincios na casa, e na cancha do Visit Pontevedra xunto con Sergei Nigeruk, como esta semana, ou co cubano Renier Cabezas. «Intentaremos que Lauric y que Obeslo jueguen la mayoría de los partidos. Hay que echar el resto. Estamos de últimos, pero muy de últimos -o cuarto pola cola da clasificación, o Vincios, sácalle 5 puntos-», declara Antonio Castro, cuxos plans pasan por «en 3-4 jornadas salir de la zona de descenso».