Un equipo para desmontar prexuízos

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Cerca de trinta estudantes do Castro Alobre conformaron un grupo de normalización das diversidades afectivo-sexuais dende o que queren esnaquizar tabús e estigmas

15 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio é o Día das Letras Galegas. E é, tamén, o Día Internacional contra la Homofobia, la Transfobia y la Bifobia. Así que no instituto Castro Alobre (Vilagarcía), a data está marcada dúas veces no calendario. É xornada dobre de orgullo. É día de dobre reivindicación. E é día, tamén, de obrar milagres: de facer visible o que hai quen quere manter oculto. No Castro Alobre, xa llo advertimos, a xornada vai dar para moito. Porque un grupo integrado por 28 estudantes de todas as idades -desde primeiro da ESO ata segundo de Bacharelato- teñen constituído un grupo de traballo que pretende desmontar prexuízos, romper tabús e conseguir que todo o alumnado sinta que non hai ningunha orientación sexual incorrecta.

Este colectivo naceu da man de dúas profesoras, Paloma García e Mariola González. «Téñome cruzado con xente que estudou aquí, e que me dicían que cando estaban no centro viviran situacións de incomodidade por ser gais ou lesbianas... Non eran problemas de violencia nin de acoso, pero si de discriminación», relata Paloma. Quen padecía esa situación gardaba silencio. Era a súa ferramenta de supervivencia.

Con esas historias dándolle voltas na cabeza, Paloma e Mariola decidiron dar un paso e converter ao Castro Alobre no cuarto instituto de Galicia que ten un grupo organizado para a normalización das diversidades afectivo-sexuais. Escoller o nome levou tempo e horas de debate. En principio este ía ser o Grupo de apoio ao alumnado LGTBI. Pero cando se celebrou a primeira reunión, apareceron pola porta unhas vinte persoas, recorta Paloma. Mozos e mozas, en boa parte dos casos heterosexuais, que non querían deixar pasar a oportunidade de facer algo bo. De converterse en altofalantes que lle digan ao mundo que está ben ser e sentir en calquera dirección.

Mil caretas, un mesmo fondo

Boa falla lle fai este grupo a nosa sociedade. Porque, os prexuízos, disfrazados con mil caretas diferentes, están por todos lados. Asoman en Instagram, que censura fotos de parellas do mesmo sexo bicándose. Asoma en preguntas capciosas; nun «maricón» pronunciado con desprezo. As palabras, as veces, son armas destrutivas. «Eu creo que o que hai que facer é normalizar tamén o uso desas palabras, non darlle importancia», razoa unha das rapazas do grupo. «As palabras non teñen nada de malo, pero moita xente as usa para ofender», replica un compañeiro.

O debate é interesante, rico en matices. ¿Esta é a xente da ESO e do Bacharelato? Parece que o mundo, ao fin e ao cabo, ten esperanza, penso. Unha voz tranquila, repousada, érguese e di que, máis aló dos insultos, «hai cousas peores», como escoitar a xente próxima, case familiar, dicir que «preferiría que o seu fillo fose drogadicto a que fose gai». As palabras vertidas por un rapaz, recolócannos na realidade. No mundo que nos rodea. No lugar no que son tan necesarios grupos combativos coma este do Castro Alobre.

É o cuarto instituto de Galicia en poñer en marcha un proxecto destas características

Que ninguén se confíe. Aínda hai quen prefire «ter un fillo drogadicto a un que sexa gai»

Un espazo para «falarmos de todo» e no que o alumnado marca un ritmo frenético

Paloma e Mariola quedaron sorprendidas cando na primeira reunión apareceron unhas vinte persoas -e a cifra segue medrando: o venres había dúas caras novas no foro-. Paloma e Mariola sorprendéronse, outra vez, «coas gañas coas que chegaban de facer cousas». A primeira acción que se desenvolveu foi enviar a un grupo a cada aula para ir «informando a todo o instituto da existencia deste grupo». Reúnese os luns e os venres á hora do recreo. E, ás veces, tamén fan horas fóra do horario escolar. «Necesitamos tempo, e non o podemos coller das clases», din as mestras.

Hai uns días fixeron unha reunión extraordinaria para falar dos métodos de prevención das enfermidades de transmisión sexual. Primeira labazada da realidade: nas farmacias de Vilagarcía só hai á venda preservativos masculinos. O resto de métodos preventivos, que habelos hainos e para todos os gustos, non están dispoñibles na maioría dos despachos da bisbarra. «Nalgunhas farmacias non saben nin o que son», comenta unha moza.

Sen palabras tabú

Malia todos os obstáculos atopados no camiño, conseguiron material para traballar na clase: houbo que mercalo en Internet. Afortunadamente, este grupo non terá que fiarlle á rede a súa educación sexual. E os seus coñecementos sobre esta materia, ben fundados nunha sesións nas que non hai palabras tabú, serán difundidos por aí adiante, entre amigas e amigos, de noite e de día. Esa é outra das cousas xeniais deste grupo: que o que nel se aprende, os debates que aquí se manteñen, acaban sendo como a pedra que cae na auga e forma unha sucesión de círculos concéntricos: o coñecemento expándese. Haberá que ver ata onde nos levan esas ondas. Seguro que non é mal sitio.