Gaspar González, o líder de Somos Maioría en Vilagarcía, di que "está contento" coa marcha da campaña electoral ata o de agora e non sinte presión algunha
13 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Non é a súa primeira experiencia electoral -«hai oito anos fun de gregario coma independente na candidatura no BNG»- pero si, sen dúbida, a súa meirande aposta política ata agora. Gaspar González (Vilagarcía, 1974) lidera Somos Maioría, o movemento cidadán de corte progresista e galeguista ao que as sondaxes sitúan con posibilidades de representación en Vilagarcía. «De momento -asegura- estou contento con como vai indo todo e non me sinto presionado».
Hai quen pensa que iniciativas como a que encabeza poden fragmentar o voto pola esquerda, facilitando as cousas ao PP. O candidato inverte o argumento. «En realidade o que fixemos foi unha proposta de unificación, porque no grupo hai xente de diferentes partidos -eu por exemplo son de Cerna-, pero ninguén quixo soltar as siglas». ¿Todos foron convidados? «Do PSOE cara a zurda todos, sen excepción».
Acadar unhas poucas actas non é o obxectivo de Somos Maioría. «Non nos conformamos, porque o que buscamos e gobernar para cambiar as cousas». Toca, logo, falar de posibles acordos se as urnas confirman o mapa plural que anticipan as enquisas. «Temos un código ético, transparencia absoluta, limitación de cargos, que acadamos de xeito asembleario e todo quen chegue a un acordo con nós terá que cumprir». Asumido este punto, non cre Gaspar que deban producirse problemas. «Este concello precisa un acordo para cambiar todo o malo que fixo este goberno; a situación é insostible e moi mal terían que darse as cousas para que ese acordo non puidera producirse».
No encoro de Castroagudín non poñería piraguas a navegar. De feito, ten claro o que facer con el: «Limpalo, o fondo e os seus arredores». Menos piche. «A máquina de asfaltar non a levamos na lista, levamos a de plantar árbores e quitar cemento». Non lle vai mal a súa profesión de actor de dobraxe a Gaspar á hora de comunicar. «Claro que non teño medo dos micros, vivo deles». Posto a falar disto, estaría ben saber cal dos actuais concelleiros sería duro de dobrar. «Difícil sería o de Vilaxoán, porque nunca lle escoito a voz cando vou aos plenos. Tampouco á concelleira de Xuventude nin a tantos outros. A Manuel Méndez porque o coñezo, que se non...». ¿E ao revés? ¿Cal sería o máis doado de todos? «Aí si que non hai dúbidas, Cholo». ¿E os plenos? ¿Que lle parecen? «Esa guerra duns contra outros fáiseme desesperante, máis aló de que a calidade do son é terrible na sala».
«Vilagarcía
precisa un acordo para cambiar todo o malo que fixo este goberno»
24-m: LA CAMPAÑA