Manuela Coira Cordo, veciña do lugar da Canle, na parroquia valguesa de Cordeiro, celebrou este mércores o seu centenario. Como é habitual nesta localidade do Baixo Ulla, recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, quen lle levou un agasallo.
Manuela naceu na aldea de Cotriños e alí casou tamén. Pero pouco despois a familia trasladouse á Canle. Tivo dous fillos, José María e Manuel, e a familia complétase con catro netos e outros catro bisnetos. A familia reuniuse para celebrar esta data brindando coa nova centenaria, á que aínda lle gusta beber, de vez en cando, un viño.
Explican que Manuela, que traballou toda a súa vida na agricultura e nos coidados da súa familia, é moi faladora e que conserva a memoria intacta. Escoita a misa todos os días na televisión e, cando fai bo tempo, sae á eira e dá uns paseos axudada polo seu andador.
Nestes momentos é a terceira veciña máis lonxeva de Valga despois de Benilde Castaño, de Laxes e que ten 102 anos, e Josefa Senín, de Cerneira, que cumpriu os 100 en marzo.