O BNG acusa ao Concello de Valga de vulnerar a Lei de Contratos na licitación do servizo de asesoramento urbanístico
VALGA
O equipo que lidera Fran Devesa xa ten denunciado casos semellantes
10 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG de Valga vén de denunciar o que considera un incumprimento do Lei de Contratos por parte do goberno local deste municipio do Baixo Ulla. Segundo sosteñen os nacionalistas, na licitación do servizo de asesoramento urbanístico danse unha serie de irregularidades que demostan «a deficiente xestión administrativa e económica que realiza o goberno municipal».
O servizo que se saca a contratación ten por obxecto «a emisión de informes, a colaboración cos técnicos municipais así como o asesoramento do equipo multidisciplinar da empresa a requirimento dos órganos de goberno do Concello e dos órganos de control do Concello en materia urbanística», cun valor estimado do contrato duns 57.600 euros.
Da prestación deste servizo encargábase anteriormente Fernández Carballada y Asociados, SLP, se ben o contrato estaba caducado desde agosto do ano pasado. O prego de cláusulas administrativas particulares outorga setenta puntos para os criterios que dependen dun xuízo de valor e trinta puntos para os criterios identificables automaticamente, nos que se inclúen melloras valoradas en vintecinco puntos. Isto supón un incumprimento da Lei de Contratos do Sector Público na que se indica que cando os criterios cuxa cuantificación dependa dun xuízo de valor teñan atribuída unha ponderación maior que a correspondente aos criterios avaliables de forma automática, as melloras non poderán representar unha valoración superior ao 2,5%.
«Esta non é a primeira vez que unha licitación realizada polo goberno municipal contén irregularidades e incumprimentos da lei», sinala a formación nacionalista, que ten denunciado con anterioridade outros casos.