Valga impulsa a mellora dos viais da súa área industrial

s. g. VALGA / LA VOZ

VALGA

Situada entre Xanza e Campaña, recibirá 128.000 euros

13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A área empresarial situada entre as parroquias de Campaña e Xanza, no municipio arousán de Valga, afronta unha nova fase de melloras viarias cun investimento de 128.809,23 euros. O proxecto prevé o ensanche e acondicionamento do vial sur-este, que conecta a parte traseira das antigas instalacións de Intavalsa —hoxe de Urovesa— co recinto do grupo ODL, ata o lugar do Sixto.

As obras inclúen a ampliación da calzada, a construción de beirarrúas de dous metros, a instalación de tubaxes para abastecemento, recollida de augas pluviais e alumeado público, ademais da colocación de pozos e arquetas de rexistro. Tamén se prevé un muro de contención, o pavimentado da vía e a sinalización horizontal.

Colaboración institucional

O Concello de Valga e a Xunta de Galicia financian conxuntamente a actuación a través dun programa de axudas para mellorar infraestruturas en parques empresariais. A Administración local destaca que estas obras son claves para manter a competitividade industrial, impulsar o emprego e reforzar o futuro económico dun municipio que, malia o seu carácter marcadamente rural, está a acadar un importante peso industrial.

Na actualidade, preto de dúas mil persoas traballan nas factorías deste polígono, polo que o volume de vehículos é elevado. A mellora das comunicacións beneficiará tanto ao persoal coma ao transporte de mercadorías, reducindo tempos e aumentando a seguridade viaria. O concurso público para adxudicar os traballos estará aberto ata o 25 de setembro.