Restaurado o cruceiro de Vilarello que corría risco de caerse

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

A obra permite recuperar unha das pezas dun viacrucis fluvial único no mundo

15 ene 2025 . Actualizado a las 14:18 h.

O Ulla é o único río que conta cun viacrucis fluvial e en Valga veñen de recuperar un dos que asoma á praia de Vilarello. «A súa situación era preocupante xa que o varal presentaba unha fisura que o fixo perder estabilidade. De feito, abaneaba lixeiramente coa forza do vento, con conseguinte risco de caída. Ademais, a peza tamén presentaba outras alteracións superficiais coma colonización biolóxica de liques e musgos, especialmente na zona superior da cruz e as figuras e no cubo», segundo informa o Concello.

Os traballos de restauración foron realizados polo canteiro David Soengas, a restauradora Ana Sánchez e o auxiliar Luis Enrique Rodríguez. Retiraron a cruz para traballar sobre ela e o capitel no que se apoia e interviñeron directamente na zona da fisura, realizando recheos con resina epoxi para consolidar e unir os espazos baleiros. Para reforzar a unión tamén se introduciu unha «varilla corrugada». Para finalizar, reintegráronse as xuntas da fisura con morteiro de cal de cor similar ao da pedra orixinal.

Tamén restauraron a cabeza da columna e, unha vez recolocada a cruz no seu emprazamento, levouse a cabo a última intervención que consistiu na eliminación das biocolonizacións. A limpeza de toda a superficie realizouse con cepillos e brochas suaves para retirar os depósitos de terra e biolóxicos indesexados.

Este cruceiro de granito está formado por un dado de forma cúbica, fuste de 186 centímetros de altura, capitel e unha cruz coa imaxe dun cristo na súa orientación norte e dun peregrino en actitude orante cara o sur.