Seage cualifica de incapaz o goberno de Cesures polo seu plan de polígono e pregúntase se quere que o fagan en Valga

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

Martina Miser

«A alcaldesa quere facer un polígono industrial que non sexa industrial ou ben quere rebentalo e que vaia para Valga», di o voceiro do PP

30 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«A alcaldesa quere facer un polígono industrial que non sexa industrial ou ben quere rebentalo e que vaia para Valga». Así arrincaba onte o voceiro municipal do Partido Popular e ata a pasada primavera alcalde de Pontecesures, Manuel Vidal Seage, a súa valoración da xuntanza que o pasado martes mantivo a rexedora cesureña, Maite Tocino (BNG), co responsable do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, para falar do proxecto de polígono industrial no lugar da Tarroeira promovido polo ente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No citado encontro, Tocino reiterou a posición oficial que o Concello de Pontecesures mantén tras a chegada do bipartito BNG-PSOE ao executivo municipal, o pasado mes de xuño, pedindo dunha reformulación integral do proxecto do polígono recollida nas alegacións presentadas polo seu goberno hai un mes. Un xiro de 180 graos no que reclama descartar o destino do 100 % para actividade industrial dos 326.000 metros cadrados que se ocuparán limitando unha parte a actividade empresarial terciaria e aproveitando o resto do terreo para vivenda de promoción pública, equipamentos deportivos e zona verde. Un «sensentido», en palabras de Seage.

«A nosa alcaldesa quere facer un polígono industrial, pero non quere que sexa industrial [...] o que demostra o cacao mental que ten e tamén o que sucede nun concello cando está dirixido por xente sen capacidade para elo», sostén o ex rexedor antes de abrir unha segunda posible lectura da proposta alternativa do bipartito cesureño: «Quizais estea a presentar un esperpento de proxecto porque quere cansar e torpedear a Xunta e que este polígono vaia para Valga».

Á fronte dun tripartito conservador que ata o seu desaloxo electoral en xuño apoiou firmemente desde o Concello o deseño inicial e inalterado do IGVS dun polígono integramente industrial, Vidal Seage afirma que a alternativa encabezada pola súa sucesora na alcaldía cesureña «carece absolutamente de sentido común e de rigor técnico. Antes no medio dos polígonos había casas e case calquera construción, pero desde hai un tempo vaise no camiño contrario, apostando en todos os sitios pola especialización de terreos para que os usos industriais non perturben nin causen molestias nas zonas residenciais e de lecer, e ela —pola alcaldesa— pretende xuntalo todo en apenas 30 hectáreas».

O voceiro do PP conclúe sinalando que desde o actual goberno local «queren facer unha mestura sen pés nin cabeza, cremos que só para dinamitar o interesante e necesario proxecto que impulsamos desde o goberno anterior».