Este domingo abre o Belén Artesanal de Campaña
05 dic 2020 . Actualizado a las 17:51 h.O Concello de Valga convoca unha nova edición do concurso de beléns no que poden participar particulares, casas comerciais, asociacións e outras entidades do municipio. Os interesados en tomar parte neste certame poden inscribirse no consistorio ou no auditorio municipal. O prazo estará aberto ata o 20 de decembro.
O xurado, que será designado pola concellería de Cultura, visitará os beléns na xornada do domingo 3 de xaneiro. Valoraranse, entre outras cuestións, a orixinalidade, o número de pezas e o tamaño. Os autores dos mellores nacementos recibirán premios monetarios e tamén haberá agasallos e diploma para o resto de participantes. Os galardóns entregaranse o día 5 de xaneiro con motivo das actividades de Reis, se as condicións sanitarias o permiten.
Por outra banda, o Belén Artesanal de Campaña inaugurarase este domingo pola tarde e permanecerá aberto ao público ata o 10 de xaneiro, sempre a expensas da evolución da pandemia. Este ano non haberá grandes aglomeracións; serán visitas reducidas e, principalmente, de familias ao non ser posible a organización de excursións.
Este belén está declarado de interese turístico de Galicia e acada este ano a súa 25 edición. É especial porque mestura as personaxes tradicionais do Nadal con figuras que representas escenas da actualidade. É todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas das figuras e escenas de movemento co emprego de motores e outros utensilios eléctricos. Ocupa unha superficie aproximada de 400 metros cadrados.