A BELEZA DE CAROLINA

La Voz

VALGA

CARLOS CASARES

15 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Coinciden sobre a miña mesa de traballo dous libros sobre La Bella Otero, os dous publicados por Edicións Xerais: as memorias da célebre bailarina e un álbum de postais. As primeiras son unha serie de mentiras; o segundo permite facernos unha idea de cómo foi fisicamente aquela muller. Como é sabido, Carolina Otero naceu en Valga en 1868, dentro dunha familia moi humilde, e sendo nena foi violada por un paisano de nome indecente. Consérvase un documento xudicial sobre aquel suceso que aínda hoxe pon os pelos de punta. Por esa razón, cando estivo na idade, a rapaza marchou de Valga. Nada desto conta a interesada nas súas memorias, nas que finxe ser andaluza, filla dunha xitana e dun grego, aínda que acepta dicir que viviu en Valga de pequena. Foi unha lástima que esta muller, pola que se suicidaron moitos homes, que tivo de amantes a varios reis e emperadores, non contara a súa verdadeira vida, autenticamente fascinante, senón que inventou case todo, ademais de que pasou a uña de cabalo sobre os seus amores. Mirando o fermoso álbum titulado La Belle Otero, con preto de noventa fotografías coloreadas a man, un pregúntase por qué unha muller de aspecto mais ben vulgar, bastante anodina, sen ningún rasgo corporal do que se poida dicir que fose especialmente bonito, chegase a ser considerada no seu tempo como unha beleza arrebatadora, capaz de espertar grandes paixóns. Vese que a idea da fermosura cambia, como todo. Desde logo, Carolina Otero hoxe non tería moitas oportunidades para chegar a ser o que foi, a non ser que mintan as fotos. Ou que un teña un gusto raro, porque nesto de gustos e fermosuras, cada persoa é un mundo.