Ribadumia acada o compromiso da Xunta para reformar o CPI Julia Becerra

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Estas obras de rehabilitación e reforma do centro educativo son o paso previo que se lle esixía á Consellería de Educación para poder levar a cabo o proxecto de reforma do contorno do CPI

01 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado luns, representantes da Administración autonómica puxéronse en contacto co alcalde de Ribadumia, David Castro, para confirmar definitivamente o investimento que a Consellería de Educación vai levar a cabo no ano 2020 nas instalacións do CPI Julia Becerra Malvar.

Este investimento, ademais de responder a unha demanda reiterada tanto da comunidade educativa coma dos pais e nais dos alumnos, concreta finalmente as xestións realizadas por David Castro ó longo da última lexislatura en distintas reunións na Delegación Provincial de Educación, nas que se solicitou unha reforma integral das instalacións do CPI, sobre todo no que se refire ó cambio de cuberta e carpintería exterior, substitución de alicatados e solos e modernización dunhas instalacións que sobrepasan xa os 50 anos desde a súa construción.

Estas obras de rehabilitación e reforma do centro educativo son o paso previo que se lle esixía á Consellería de Educación para poder levar a cabo o proxecto de reforma do contorno do CPI, proxecto que inclúe a creación dunha dársena para os autobuses escolares, un patio cuberto exterior, a remodelación do pavillón e do campo de fútbol municipais anexos e un novo edificio de usos múltiples, obras que xa iniciou o actual equipo de goberno do Concello de Ribadumia.