O Ribadumia leva o triangular local por partida dobre

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Pola mañá o seu equipo xuvenil e pola noite o sénior superaron a Umia e Sanxenxo

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo vitorioso o vivido polo C.D. Ribadumia no veciño campo da Bouza de Barrantes. Na xornada de mañá, co plantel xuvenil do conxunto aurinegro levando á súa vitrina de trofeos a primeira edición do MiniTriangular Concello de Ribadumia, tras impoñerse 6-0 ao Xuventú Sanxenxo e 1-2 ao Umia. E pola tarde, co cadro que dirixirá Luis Carro na vindeira edición da Terceira División sendo mellor cos mesmos dous rivais, só que de categoría sénior. O Xuventú Sanxenxo de Preferente, e o Umia de Primeira Autonómica.

Tras a vitoria sanxenxina pola mínima, 0-1 sobre o este ano club anfitrión do triangular, o C.D. Ribadumia sénior asentou o seu título no torneo cun 3-0 sobre o Xuventú. Co central Manu Bugallo e, por partida dobre, o punta Aarón Paredes como executores. Con todo, o Ribadumia estivo lonxe da grande imaxe que só cinco días atrás, no partido da segunda rolda da Copa da Real Federación Española de Fútbol, ofrecera no Campo da Senra fronte a un futuro de novo rival na Liga de Terceira, o Céltiga, con vitoria por 3-1.

No terceiro e derradeiro choque do triangular, o C.D. Ribadumia, con moitos trocos, non pasou do empate sen goles co Umia, que perdera no primeiro duelo co Xuventú.

Pola súa banda, o Céltiga gañou onte no Porriño o Trofeo Hiroshima tras superar na quenda de penaltis o Atios logo de rematar o tempo regulamentario 1-1. Canhoto, superada a media hora, reestableceu a igualada.